Os traballadores perden poder adquisitivo mentres as empresas gañan peso no reparto da renda

Mobilización dos traballadores do sector naval CC-BY-SA COO Galicia

A crise rebaixa o poder adquisitivo dos traballadores. A moderación nos salarios, unido ao incremento nos prezos, está a provocar un desprazamento das rendas destes traballadores ás empresas. En definitiva, que as compañías están a gañar marxe a expensas da maioría social, tal e como relata unha información da Cadena Ser.

Os salarios medran só un chisco desde 2010, mentres os prezos están a subir máis

Así, desde o ano 2010 os salarios medraron un chisco nominalmente, pero os prezos están a subir máis polo que os traballadores teñen menos poder de compra. Segundo os datos que se tiran do INE, un 4,4% menos que nos dous últimos anos, un descenso que a final de 2012 achegarase ao -7% se os soldos e o IPC continúan ao ritmo actual.

Deste xeito, a marxe das empresas aumenta, aínda que isto non indica que se converta directamente en beneficio, xa que tamén se pode dedicar a investimento. No entanto, as cifras de Contabilidad Nacional amosan tamén que o gasto en investimento está a retroceder nestes últimos anos sen excepción ningunha.

O 41,7% das rendas estaba en mans das empresas en 2007; agora teñen o 44,7%

Polo tanto, desde o comezo da crise as empresas están a incrementar a súa ganancia de peso en canto ao reparto das rendas fronte aos traballadores. Mentres que en 2007 o 41,7% das rendas estaba en mans das empresas, a mediados de 2012 a porcentaxe era xa do 44,7%, tres puntos máis. As compañías, que son moitas menos que antes da crise, estanse a repartir un cacho máis grande da tarta aínda hoxe en día.

Segundo conta a Ser, estas cifras supoñen o paso á economía real da devaluación interna que solicitan unha e outra vez institucións internacionais, organizacións empresariais e o propio Banco de España. A súa fórmula é clara: xa que non se pode devaluar a moeda, hai que baixar os salarios para gañar competitividade e que baixen os prezos.

Só os traballadores cumpren con ese pacto implícito para a devaluación interna; só os salarios e a capacidade adquisitiva dos traballadores baixan

Pero os prezos seguen subindo, principalmente por mor dos combustibles e a suba de impostos, pero tamén por unha terceira razón: as empresas están aumentando a súa marxe. En definitiva, só os traballadores cumpren con ese pacto implícito que supón a devaluación interna e que implicaría que todos fixesen un esforzo para conter os prezos e que o estado fose máis competitivo no exterior. Só a maioría social cumpre co seu, mentres unha minoría segue gañando e beneficiándose da mala situación económica.

Os expertos, tal e como se lembra na reportaxe, piden que se repare nun detalle: Que importa que se reduzan os custos laborais e ao empresario lle sexa máis beneficioso producir e aumentar o excedente cando os salarios baixan e o que producen non o pode vender porque caeu a demanda? Pois iso.

Traballadores do naval, chegando ao Concello de Ferrol Dominio Público @tonysese

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.