Os tribunais obrigan o Concello do Carballiño a subrogar o contrato de tres traballadoras tras unha municipalización

Casa do Concello do Carballiño CC-BY-SA alma de gl

O pasado mes setembro o Concello do Carballiño aprobou a municipalización do servizo de limpeza dos tres edificios do colexio público Calvo Sotelo e da escola infantil A Galiña Azul. A empresa que tiña a concesión, Clece, remataba o seu contrato o 4 de setembro, e o Concello decidiu non subrogar os postos de traballo previos, asumindo nese momento de forma directa a limpeza de edificios municipais. Agora o Xulgado do Social de Ourense vén de ditaminar a obriga do Concello de subrogar os seus contratos, instándoo a readmitilas ou a indemnizalas.

Nas municipalizacións iniciadas nos últimos meses por algúns concellos, coma A Coruña, Compostela ou Ferrol, o criterio que se vén seguindo é o do respecto aos contratos do persoal previo. Estas sentenzas veñen sinalar que este camiño, ademais dunha escolla ideolóxica, é en moitas ocasións un mandato legal.

As tres empregadas seguiron traballando na limpeza destes espazos durante 10 días, sen que que ninguén lles comunicase a extinción dos seus contratos

Porén, as tres empregadas que viñan realizando esa función a través de Clece, seguiron traballando na limpeza destes espazos nos días seguintes, sen que que ninguén lles comunicase modificacións ningunha nas súas condicións ou a extinción dos seus contratos. O 12 de setembro unha persoa presentouse no centro de traballo como nova limpadora, pero o persoal previo seguiu traballando e a nova empregada abandonou o edificio. O 13 de setembro, cando as tres limpadoras chegaron ao colexio, atoparon que que non tiñan material para emprestar as súas funcións, permanecendo no centro sen que se lles dese información. O día 14, ao acudir ao centro de traballo, xa non se lles permitiu a entrada por estar realizando a limpeza outra persoa. As tres limpadoras foron dadas de baixa na Seguridade Social con efectos do 11 de setembro.

O 13 de setembro houbo unha reunión do alcalde do Carballiño, as tres traballadoras e un representante da CIG, no que o Concello se comprometeu a subrogar as traballadoras se o pleno o acordaba. Porén, o 28 de setembro a Secretaría emitiu un informe desfavorable sobre esta cuestión.

O tribunal declara os tres despedimentos como improcedentes "ao non existir causa xustificada ningunha para non subrogar" os contratos. As sentenzas obrigan o Concello a "optar entre readmitir a actora ou abonarlle a indemnización"

Nas súas sentenzas, contra as que cabe recurso, o Xulgado do Social de Ourense subliña que "é o propio Concello o que de feito asume a subrogación, dado que permitiu que a actora continuase prestando os seus servizos no mesmo centro de traballo desde o cesamento da anterior adxudicataria o 4-9-2016, até o 14-9-2016". O tribunal declara os tres despedimentos como improcedentes "ao non existir causa xustificada ningunha para non subrogar" os contratos. As sentenzas exculpan a Clece e obrigan o Concello a "optar entre readmitir a actora ou abonarlle a indemnización". No caso de producirse a readmisión, debe facerse "nas mesmas condicións que existían no momento do despedimento".

 

Casa do Concello do Carballiño CC-BY-SA alma de gl
Limpeza de cristais © Hogar Útil

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.