"Non gastar máis do que se ten". Esta máxima é un dos piares básicos do argumentario do Goberno galego en materia económica. Dende o retorno ao poder en 2009 o gabinete conservador emitiu esta mensaxe ata a saciedade para exemplificar a súa aposta pola "solvencia", aínda que a súa aplicación literal e estrita bate de cheo contra calquera uso da débeda na xestión pública. Á marxe das proclamas a favor que a Administración pública emule "as familias" e aínda partindo da base de que Galicia é a terceira autonomía con menor aumento do endebedamento dende o inicio da crise, o certo é que as partidas orzamentarias ao servizo da débeda non deixan de aumentar, tampouco nas contas de 2014 as do "inicio da recuperación económica", segundo a Xunta.
Unha ollada retrospectiva aos Orzamentos do vindeiro exercicio económico e dos anteriores permiten observar un crecemento exponencial da partida de débeda pública e, dentro desta, dos xuros que xera. Nun contexto no que o propio Executivo prevé que os seus gastos financeiros aumenten un 17,5% a respecto do ano anterior -os non financeiros apenas aumentan un 1,1%- haberá que dedicar 348 millóns de euros a atender os xuros fronte aos 145 que incluían as contas de 2009, as derradeiras do bipartito. Isto implica un crecemento do 138% deste indicador, intimamente relacionado co incremento dun 94% da débeda, segundo datos do Banco de España.
Os xuros incrementan en case un 20% a respecto dos Orzamentos de 2013
Se a comparación se realiza cos Orzamentos de 2013 a expansión da cantidade dedicada a xuros tampouco é menor. Ben ao contrario, no ano que agora remata os fondos para pagar xuros eran 290,9 millóns de euros, case un 20% menos. Nesas contas públicas, as primeiras da segunda lexislatura de Feijóo, a partida total destinada á débeda pública da comunidade autónoma situábase nos 1.110 millóns de euros, lonxe dos 2.071 consignados para 2014, un aumento do 86% a respecto do pasado ano e dun 426% en relación a 2009, cando este apartado dos Orzamentos se situaba en 393 millóns de euros.
A débeda segue a ser a terceira 'consellería' do Goberno, só por tras de Sanidade e Educación
Isto sucede nun contexto no que, como en 2013, os cartos públicos destinados á débeda convértena na terceira consellería da Xunta no que a volume de recursos se refire. Como nos anteriores orzamentos só os dúas grandes consellerías sociais, Sanidade e Educación, manexan máis fondos que a débeda. Así, o departamento sanitario ten asignados algo maís de 3.200 millóns de euros para 2014 e o educativo supera os 2.100. A continuación sitúase a débeda cso seus 2.071 millóns e, xa por tras, unha das consellerías sobre a que máis olladas se pousan en tempo de crise, Traballo e Benestar, á que lle corresponden 740 millóns. As consellerías ás que lles corresponde actuar no ámbito da economía produtiva, como Medio Rural e Mar ou Economía e Industria tamén están lonxe, con 581 e 179 millóns de euros, respectivamente.