Outro pau aos autónomos entre as chamadas ao emprendemento

En Galicia hai actualmente uns 217 mil traballadores e traballadoras autónomas © UPTA

"Neste momento, os gobernos teñen que axudar os emprendedores. Non os imos deixar sós porque son o motor que conduce de novo o país á prosperidade". Son frases que Núñez Feijóo ou Mariano Rajoy  pronunciaron nos últimos meses, nese teimudo discurso que sitúa nos traballadores en réxime autónomo ou nas empresas creadas por un mesmo como a base da solución aos problemas económicos de Galicia ou do Estado. 

O Goberno de Rajoy aprobou ás agachadas pouco antes do Nadal a suba de catro impostos aos autónomos

Xunta e Goberno central artellaron diversas normativas para impulsar o emprendemento, a través de incentivos fiscais, eliminación de burocracia e prazos ou liñas de microcréditos. Pero os feitos volven desmentir as supostas intencións das administracións do PP. Catro impostos vén de subir de súpeto, e ás agachadas, o Executivo de Rajoy aos emprendedores e, xa que logo, aos autónomos. Daquela "alfombra vermella" para os pequenos empresarios pola que apostaba Madrid, aos atrancos no camiño.

Foi pouco antes das festas de Nadal cando, no decreto que ampliaba a contratación a tempo parcial para os emprendedores, o Ministerio de Emprego aproveitou para meter unha nova suba ás cotizacións dos autónomos. "Non se agardaba porque o fixeron a última  hora e sen previo aviso", asegura Rafael Granados, presidente da Asociación de Autónomos (ATA-Galicia), cuxa agrupación a nivel estatal xa pediu unha xuntanza co Executivo pero que teme que "non se vai poder facer nada" para evitar o que supón un novo golpe para este colectivo. Malia que as subas non moi grandes en tres casos, si supoñen "un gasto engadido máis nesta época de crise".

A cotización dos autónomos societarios ou dos que teñen máis de dez empregados sobe un 22% e pagarán 57 euros máis ao mes

No entanto, a suba si é importante para os autónomos societarios ou administradores que tiveran contratados dez ou mais traballadores por conta allea en 2013. Vense afectados os socios traballadores co control efectivo da sociedade ou socios de pequenas empresas laborais, pero tamén as persoas físicas que teñan en nómina máis dunha decena de empregados. 

O incremento para estes casos será do 22%, xa que a base mínima de cotización elévase dos 875,70 euros que se lles exixía até agora até os 1.051,50, polo que a cota mensual que pagan pasará dos 256,72 euros aos 313,4, case 57 euros máis ao mes. Para ATA, esta medida "influirá na contratación" e podería provocar incluso despidos, xa que "todo sae máis caro e hai xente que vive ao límite que terá que reducir o seu cadro de persoal de engadírselle máis gastos". A agrupación destaca que son miles as pequenas sociedades de autónomos nas que matrimonios ou amigos comparten a xestión da compañía e que serán as máis prexudicadas.

O 90% dos autónomos galegos pagarán case 62 euros máis ao ano

O caso é que segundo ese decreto lei "de medidas para favorecer a contratación estable e mellorar a empregabilidade dos traballadores" tamén se produce unha suba do 2% na base mínima de cotización para os autónomos, que á a que pagan o 90% dos 215.000 profesionais deste tipo que hai en Galicia. Dos 858,60 euros de agora aos 875,70 deste 2014, máis de cinco euros máis por mes e case 62 máis ao ano.

A medida non se aplicará en 2014 aos novos autónomos que causen alta inicial no Réxime Especial, pero si afectará os que xa realizan as súas actividades e cuxas asociacións que os representan levan anos denunciando as cotas que adoitan superar as que se pagan noutros países da UE.

Pero ademais, á suba do 2% na base mínima inclúese tamén un incremento do 5% na base máxima, polo que aqueles que autónomos que elixan a cotización máxima mensual, que até o de agora situábase nos 3.425,70 euros, terán que pagar 3.597 euros, un importante aumento que, no entanto, afectaría un mínimo do conxunto de autónomos. 

Por outra banda, o decreto lei incluíu tamén como elementos cotizábeis algúns que non estaban na base da cotización, como os seguros médicos, plans de pensións, complementos de transporte ou axudas de comida. Estes engadidos tan só se aplicarían ás bases de cotización ´mais baixas e serían asumidos pola propia empresa, pero os traballadores poden verse afectados cunha perda de poder adquisitivo se a compañía ten que cotizar tamén por estes conceptos.

Este novo pau aos autónomos chega logo de que se coñecesen os novos datos de altas de autónomos no Estado en 2013. En Galicia, producíronse 35.834 afiliacións no pasado exercicio, fronte ás 30.192 de 2012, o que supón un incremento do 18,7% (a media estatal foi do 21,1%) e 5.642 máis. En total, en Galicia hai na actualidade 214.446 autónomos.

En Galicia hai actualmente uns 217 mil traballadores e traballadoras autónomas © UPTA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.