Malia que existe desde hai tempo, a corrente sindical da CIG, Galiza Obreira, dáse a coñecer publicamente como "corrente sindical independente, plural e soberana ao servizo da clase traballadora galega" e formada por "persoas afiliadas á central nacionalista". "Nin de broma", pensan en abandonar o sindicato, pero si recoñecen que están "dispostos a traballar para contrarrestar a tendencia de establecer un grupo hexemónico de poder".
Ademais, critican que "na actual CIG priman máis os intereses partidarios e a pertenza a determinados partidos fronte ao compromiso, a valía e a militancia sindical", pero lóuvana como "a ferramenta máis útil" para a defensa da clase traballadora galega. O vindeiro xoves, ás 20 horas, celebran unha asemblea en Vigo, na que presentará a corrente e explicará "a razón da súa existencia". Miguel Anxo Malvido, histórico líder de CIG-Metal, explica aquí esas razóns.
Por que se fai pública agora esta corrente?
A corrente xa existía, pero non eramos públicos mediaticamente. Funcionamos dentro da CIG e o que facemos agora é crear unha nova estrutura orgánica. Tiñamos unha xestora e unha asemblea e agora xeramos unha estrutura máis aberta na que participan cadros do sindicato de distintas federacións.
"O nivel de tensión e o intento de patrimonializar a CIG é máis agresivo que hai uns meses"
Pero por que agora?
Facémola pública agora porque o nivel de tensión e o intento de patrimonializar o que é a CIG por parte da maioría sindical neste momento é máis agresivo que hai uns cantos meses. Nós estamos aquí e ímonos defender. Imos pelexar para que a CIG siga sendo un sindicato plural e aberto.
Non o é?
O importante é que a xente importante sexa a que ten demostrada a súa valía, independentemente de se ten o carné dun partido ou doutro.
"Na CIG xa había disentimento antes dos problemas do BNG; isto é unha chamada de atención"
Entende que haxa quen pense que isto ten que ver cos problemas internos no nacionalismo?
Quen se quere enganar, engánase; un conflito no BNG repercute nas organizacións de masas, pero non tería nada que ver porque os procesos son totalmente diferentes. O BNG ten as súas disputas e os seus problemas. Que repercute é verdade, pero non existe unha relación directa. O proceso é diferente. Antes de que se dera toda esta problemática interna do BNG, na CIG xa tiñamos o noso grao de disentimento. A corrente xa existía. O nivel de tensión e de agresividade está en aumento. Isto é unha chamada de atención, un aviso a navegantes.
Existe a posibilidade de abandonar a CIG?
Non, nin de broma. Eu son dos de sempre. E coma min todos os compañeiros. É o contrario, non queremos saír da CIG. Non nos gusta o cariz que está tomando, pero é a ferramenta máis útil. Para nada é a nosa intención marchar, senón organizarnos internamente. Daremos a pelexa interna, pero nin se nos pasa pola cabeza marchar.