Pero... Quen ten a culpa das preferentes?

Concentración de afectados polas preferentes CC-BY-SA Merixo

O conflito das preferentes arde dende 2011 e estourou neste 2013. As persoas afectadas por estes produtos financeiros en Galicia veñen de coñecer que van perder arredor da metade dos seus aforros e as plataformas que os representan soben o ton das protestas. Concellos, actos políticos, sedes de Novagalicia Banco... os escenarios para a denuncia da "estafa" son múltiples. Mentres, dende o ámbito político, os grupos da oposición reclámanlles responsabilidades aos gobernos galego e central e á forza que os sustenta, o PP. Aos populares esíxenlles que as persoas que foron enganadas poidan recuperar os seus aforros. Mentres, a formación liderada en Galicia por Alberto Núñez Feijóo insiste nun argumento: o PP estase a esforzar en solucionar un problema que foi creado por "outros", a saber, o PSOE no Estado e o bipartito de PSdeG e BNG en Galicia. Pero, de quen é a culpa?

As preferentes que están agora no centro da polémica teñen a súa orixe nunha reforma legal promovida no ano 2003 polo Goberno de José María Aznar, con Rodrigo Rato como ministro de Economía. Durante anos, diversas entidades españolas, financeiras e non financeiras, estiveran a obter financiamento a través das denominadas Preference Shares, unhas primixenias participacións preferentes que emitían a través de empresas filiais domiciliadas en territorios cunha fiscalidade moi baixa ou, directamente, en paraísos fiscais. Estes produtos eran colocados a grandes investidores -persoas ou empresas- e en ningún caso a pequenos aforradores. A reforma veu prohibir que esa actividade seguise a asentarse nos paraísos.

A orixe das actuais preferentes está nunha modificación legal no ano 2003

Neste contexto, o goberno de Aznar modificou a lei de coeficientes de investimento, recursos propios e obrigas de información dos intermediarios financeiros, promulgada en 1985. Na reforma definíronse as características das participacións preferentes, a saber: tiñan que ser emitidas "por unha entidade de crédito ou por unha entidade residente en España ou nun territorio da UE que non teña condición de paraíso fiscal" e daban "dereito a percibir unha remuneración predeterminada de carácter non acumulativo" que estaría "condicionado á existencia de beneficios distribuíbles na entidade". Polo tanto, un banco ou caixa con perdas non lles pagaría nada aos titulares de preferentes. Naquela lei figuraba tamén outra das claves do asunto: as preferentes tiñan "carácter perpetuo, aínda que se poida acordar a amortización anticipada a partir do quinto ano", sempre con previa autorización do Banco de España.

O inicio das emisións e os cambios políticos

Con estas condicións básicas de partida as entidades financeiras lanzáronse a emitir preferentes dende o propio ano 2003. Tamén o fixeron as caixas galegas, Caixa Galicia e Caixanova, cuxa supervisión lle correspondía ao Banco de España -cuxo goberno estaba designado polo gabinete Aznar- e a súa tutela financeira á Xunta de Manuel Fraga. Coa burbulla inmobiliaria aínda en pleno proceso de expansión e as caixas expoñéndose sen rubor ao ladrillo, a colocación destes produtos continuou nos seguintes anos, durante os cales se produciron cambios de cor política en La Moncloa e en San Caetano: en 2004 o PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero gañaba as eleccións e en 2005, a coalición de PSdeG e BNG desaloxaba a Fraga da Xunta.

En 2007 a burbulla pega o primeiro gran rebentón no inicio da crise financeira internacional, con fitos como a caída de Lehman Brothers. Comezan a venderse menos vivendas e os bancos e caixas precisan máis financiamento. É nestes anos nos que se produce, á luz do que hoxe se sabe, o proceso de colocación masiva de preferentes entre pequenos aforradores, clientes particulares das caixas galegas aos que se lles ofrecía unha notable rendibilidade sen mencionarlles, segundo denuncian, que nunca poderían recuperar os cartos.

As preferentes emitíronse dende o propio 2003 ata 2011, anos nos que mudaron de cor política os gobernos galego e estatal

O tempo pasa e en Galicia o bipartito fai o propio: en 2009, o PP regresa á Xunta, agora con Alberto Núñez Feijóo á fronte, e en Madrid continúa o PSOE. É en 2011 cando as preferentes deixan de emitirse pero non por unha intervención da Xunta ou do Estado, senón cando os afectados comezan a saber que non poden recuperar os cartos. Os primeiros cálculos falan de arredor de 100.000 persoas "atrapadas" nas preferentes, cun patrimonio duns 1.200 millóns de euros, estimaba a Asociación de Usuarios de Bancos e Caixas (AUSBANC). Todo isto sucedía porque Novagalicia Banco, herdeira das caixas, xa non era quen de vender preferentes no mercado financeiro secundario.

O rescate

Neste contexto é no que o goberno estatal do PSOE, abaneado pola crise e as medidas da Unión Europea, acomete a súa reforma financeira. En novembro de 2011 o PP vence nas eleccións xerais e en decembro Mariano Rajoy cóllelle o testemuño a Zapatero. Os conservadores acometen a súa propia reforma das caixas e bancos e, en xuño de 2012, admiten a necesidade de que a UE rescate a banca española. No memorando de entendemento, isto é, nas condicións do rescate, é onde figura que as persoas titulares de preferentes teñen que contribuír tamén a sanear as entidades. Eis a quita.

Todos estes movementos políticos e financeiros son só algúns dos episodios que desembocaron no actual conflito, un monumental incendio sociopolítico que a Xunta tenta sofocar confiando en que Novagalicia Banco siga a "aceptar" a arbitraxe de consumo como vía para que algúns dos afectados recuperen o que crían que aforraban pero realmente estaban a investir nunha operación de alto risco. Mentres, o propio Feijóo insiste en que a responsabilidade política está, en exclusiva, nas bancadas socialistas e nacionalistas e os afectados agardan a saber canto van perder realmente. "Aquí vai haber guerra", auguran entre a incerteza.

Rato, Rajoy, Aznar e De Guindos © Fundación FAES
Zapatero e Elena Salgado © Goberno de España
Presentación do acordo de fusión das caixas © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.