Pladesemapesga (Plataforma en Defensa do Sector Marítimo Pesqueiro de Galicia) denuncia que máis de 60 especies mariñas desapareceron nos últimos anos das augas fronte ao litoral galego, e sinala como un dos responsables "o uso dos sistemas alimenticios industriais da acuicultura", que "afectou negativamente ao leito e medio ambiente mariño provocando un esgotamento dos recursos e os peixes nas zonas onde actúan".
"A falta de vixilancia nos lugares de reprodución e cría e o uso de produtos industriais da acuicultura, antibióticos, etc., extermina bancos enteiros de xuvenís, esquilmando a poboación pesqueira do litoral galego"
Miguel Delgado, presidente de Pladesemapesga, explica que "a falta de vixilancia nos lugares de reprodución e cría e o uso de produtos industriais da acuicultura, antibióticos, etc., extermina bancos enteiros de xuvenís, esquilmando a poboación pesqueira do litoral galego". E lembra que os datos do desembarco total anual ofrecen "unha mostra fidedigna do actual rendemento máximo sustentable (RMS), que se ve moi mermado, reducíndose de forma alarmante sen posibilidade de recuperación a curto prazo". Delgado conclúe que "a equivocada xestión ou a falta dela provocarán a total desaparición do sistema produtivo artesanal de Galicia e a extinción de varias especies de peces e mariscos en favor da acuicultura destrutiva e industrial, provocando a desertización humana no noso litoral".
Delgado advirte de que os caladoiros da costa galega poderían quedar sen a maior parte do peixe "en menos de 20 anos" e insta a que a Xunta "xestione de forma máis adecuada os recursos naturais"
A este respecto, Delgado advirte de que os caladoiros da costa galega poderían quedar sen a maior parte do peixe "en menos de 20 anos" e insta a que a Xunta "xestione de forma máis adecuada os recursos naturais, primando a pesca artesanal e a pesca produtiva familiar de Galicia, permitindo unha convivencia pacífica e ordenada coa acuicultura, prohibindo o seu asentamento en zonas produtivas de pesca e marisqueo e nas áreas críticas", reducindo a súa produción durante o período de desova, "tal como se fai na maior parte dos países desenvolvidos".
Hai unhas semanas o Parlamento europeo impediu por tan só 16 votos a prohibición da pesca de arrastre para as especies de aguas profundas, nunha decisión que foi duramente criticada por colectivos ecoloxistas e polas asociacións de pescadores e mariñeiros que practican a pesca artesanal, coma a asociación Promar, a Fundación Lonxanet para a Pesca Sostible e a Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia.
Perda do 45% dos empregos en cinco anos
Por cada pescador traballando no mar xéranse tres empregos noutras actividades que están relacionadas directa ou indirectamente co sector pesqueiro
Un estudo realizado por Pladesemapesga detecta que "un número significativo" de familias que viven da pesca artesanal están a verse obrigadas a abandonar esta actividade. En concreto, sinala que Galicia perdeu o 45 por cento das familias que viven da pesca artesanal e marisqueo en tan só cinco anos. Este abandono foi especialmente importante nos anos do boom inmobiliario na franxa costeira de Galicia. Este estudo alerta de que a metade do emprego destruído no sector pesqueiro en España no quinquenio 2006-2011 está en Galicia, un total de 3.575 postos de traballo perdidos. Dende 1995 Galicia perdeu o 45% dos empregos na pesca artesanal, mentres que a capacidade da frota industrial crecía un 70%.
Pladesemapesga lembra que a pesca en Galicia proporciona emprego directo a máis de 41.600 pescadores e 9.200 mariscadores. Destes 41.600 pescadores, 11.130 fano na pesca industrial e de altura e o resto na plataforma galega. E salienta que por cada pescador traballando no mar xéranse tres empregos noutras actividades que están relacionadas directa ou indirectamente co sector pesqueiro, coma a acuicultura (13.422 empregos), comercialización (6.630), industria conserveira (18.000), industria de conxelados (2.922) ou industrias e servizos relacionados (28.000). En total, 119.874 persoas que representan o 12,2% do emprego total galego. A importancia en certos concellos e comarcas é moito maior: Fisterra (47,2% dos empregos), Ribeira (40%), Malpica (32,4%) ou Camariñas (27,9%).
Pladesemapesga cre que a desintegración da pesca tradicional, "a que mellor garante a sustentabilidade dos recursos", está a pór en perigo a conservación do Mar de Galicia e o asentamento da poboación nas súas costas
Pladesemapesga cre que a desintegración da pesca tradicional, "a que mellor garante a sustentabilidade dos recursos", está a pór en perigo a conservación do Mar de Galicia e o asentamento da poboación nas súas costas. E avoga por crear un movemento que lle dea valor á "pesca local", creando canles de distribución cos comerciantes polo miúdo e restaurantes para que promocionen os beneficios do consumo de peixe e marisco de orixe local en círculos máis estreitos. A entidade reclama unha lei que exima aos barcos da pesca artesanal dos impostos sobre a propiedade e unha baixada do rendemento, sumándolle unha rebaixa nos combustibles.