Pontevedra defenderá ante o TC a paga de produtividade de 2012

Casa Consistorial de Pontevedra © Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra presentou un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional (TC) contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) do pasado mes de xullo que anula a paga de produtividade cobrada polos traballadores e traballadoras públicas locais en 2012 e que os obriga a devolver os cartos. En total o fallo afecta a 307 dos funcionarios e persoal laboral do Concello, que deberían reintegrarlles ás arcas municipais os 400.000 euros cobrados en conxunto.

O fallo do TSXG afecta a 307 dos funcionarios e persoal laboral do Concello, que deberían reintegrarlles ás arcas municipais os 400.000 euros cobrados en conxunto

En outubro de 2012 o Goberno municipal de BNG e PSOE, presidido por Miguel Anxo Fernández Lores, aprobou a achega dun plus de produtividade para os traballadores e traballadoras da administración local, como compensación pola supresión da paga extra de Nadal, xustificado coa realización de horas extraordinarias entre os días 15 e 30 de outubro. A sentenza do TSXG entendía que se producira unha "desviación de poder", por utilizar o complemento de produtividade para compensar a perda da paga extra. O Tribunal cualificaba a decisión de "artificiosa e sospeitosa" e afirmaba que "conculca o principio de igualdade dos cidadáns ante a lei". O fallo explicaba que se producira un "desproporcionado" aumento do número de traballadores que recibiron o complemento (15 en 2011, 474 en 2012).

O goberno municipal centra os seus argumentos na denuncia de que foi vulnerado o dereito á liberdade de expresión do rexedor

O goberno municipal, que busca con este recurso a suspensión da execución da sentenza, centra os seus argumentos na denuncia de que foi vulnerado o dereito á liberdade de expresión do rexedor, pois un dos fundamentos xurídicos da sentenza do TSXG refírese ás súas declaracións sobre este caso. Fernández Lores afirmara publicamente que o Concello pagaba a produtividade como compensación pola perda da paga extraordinaria e declaraba a "insubmisión consciente" do Goberno local antea decisión do Goberno central. O Concello de Pontevedra, no seu recurso ante o TC, alega que esas palabras "forman parte do debate político" e defende que o único que os tribunais deben valorar é que o pagamento deste complemento de produtividade "cumpre os requisitos esixidos legalmente".

 

A Deputación de Lugo devolverá a extra de 2012

Pola súa banda, a Deputación de Lugo aprobará este venres en Xunta de Goberno a devolución da paga extra a todos os seus traballadores, que percibirán na nómina do mes de outubro "a máxima cantidade que a día de hoxe a Deputación pode abonar amparada por Lei". Isto é, a parte proporcional correspondente a 44 días, os que van do 1 de xuño ao 14 de xullo de 2012, data de entrada en vigor do Decreto que suprimiu este dereito laboral de todos os empregados públicos. Ademais, o presidente da Deputación convocará "de xeito inmediato" aos representantes sindicais para poder aboar o 75% restante no mes de xaneiro.

Casa Consistorial de Pontevedra © Concello de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.