Pontevedra e Ourense presentan os saldos migratorios máis negativos

Saldo migratorio interior por provincias Dominio Público Praza Pública

O INE publicou esta semana datos de poboación correspondentes ao primeiro semestre de 2017, amosando un novo descenso na cifra total de habitantes de Galicia que fica nos 2.703.662, dez mil menos que hai un ano e 70 mil menos que as que residían no país en 2011. Esta redución débese, sobre todo, a un moi negativo comportamento do saldo vexetativo, rexistrándose 8.870 nacementos (un 6% menos que o ano anterior) e 16.812 defuncións (un 2% máis). Pero cómpre tamén botar un ollo aos datos das migracións consolidadas.

Na primeira metade do 2017 marcharon de Galicia a outros lugares de España 998 persoas de menos de 45 anos menos das que chegaron ou regresaron

No primeiro semestre de 2017 o fluxo migratorio de Galicia co estranxeiro foi positivo (+2.087) mais non así co resto das comunidades autónomas do Estado (-699). Neste segundo caso, cómpre salientar o mantemento dunha tendencia que vén marcando os últimos anos: son as xeracións máis novas as que marchan de Galicia, mentres que os e as maiores de 45 anos maioritariamente chegan ou regresan despois de residir noutros lugares de España. Así, na primeira metade do 2017 marcharon de Galicia a outros lugares de España 998 persoas de menos de 45 anos menos das que chgaron ou regresaron. Pola contra, o saldo migratorio dos maiores de 45 anos foi positivo: +299.

Mentres que A Coruña e Lugo amosan saldos migratorios co resto de Galicia e España case equilibrados, os rexistros de Ourense e Pontevedra son moito máis negativos

Os datos do INE revelan igualmente grandes diferenzas entre unhas e outras provincias. Mentres que A Coruña e Lugo amosan saldos migratorios co resto de Galicia e España case equilibrados (marchan o mesmo número de persoas que chegan), os rexistros de Ourense e Pontevedra son moito máis negativos. Así, nos últimos tres anos o saldo migratorio de Lugo co resto de España foi de (-514), o de A Coruña (-868), pero con datos que nos dous últimos semestres se foron achegando ao equilibrio. Pola contra, o saldo de Ourense neste tempo foi de -1.752 e o de Pontevedra de -1.845, mantendo neste ano a mesma tendencia negativa. 

Os datos das migracións cara ao estranxeiro ou procedentes doutros países amosan unha tendencia semellante, cando menos no que respecta á provincia da Coruña, que nos últimos dous anos vén amosando un saldo netamente positivo. E tamén no referido aos malos datos da provincia de Pontevedra, que no primeiro semestre de 2017 é a única provincia galega cun saldo migratorio negativo co estranxeiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.