Produtores galegos únense nunha operadora láctea conxunta con 4.000 explotacións

Explotación láctea galega © UUAA

A poucos días de que chegue a fin das cotas lácteas, e ante o panorama de incertidume e dúbidas que xorde en Galicia, as dúas organizacións de produtores establecidas legalmente veñen de acordar unirse nunha única asociación que "unifique obxectivos e estratexias" e sumen así forzas e presión á hora de negociar os prezos do leite. A Unión Leiteira Galega (Ulega) -impulsada por Unións Agrarias- e máis Aprolac -promovida entre outras por Feiraco- sumarán así unha oferta de 800.000 toneladas ao sumar unhas 4.000 explotacións lácteas, arredor do 40% do total do país. Será unha das maiores organizacións de produtores da UE e a máis grande do Estado. 

Ulega e Aprolac xuntan 4.000 explotacións e ofrecerán unhas 800.000 toneladas de leite

A fin do sistema que rexeu o mercado comunitario do leite nas últimas tres décadas supón unha oportunidade para Galicia ao desaparecer o límite de produción e abrírenselle moitos outros mercados, pero tamén supón elevados riscos ante a excesiva atomización da produción e unha liberalización que obrigará a pelexar con zonas con menos produto pero mellor preparadas ante o reto. A unión de Ulega e Aprolac supón un chanzo importante nun longo camiño.

A colaboración e organización é un requisito fundamental no novo escenario, pero non dabondo. Os representantes de Ulega deixárono claro na súa última xuntanza, na que exixiron ás administracións "o rigoroso cumprimento do Paquete Lácteo no ámbito da negociación colectiva con garantías coas industrias". Para a organización, este marco regulador "non é o axeitado porque carece de pezas moi importantes como a figura do mediador con carácter obrigatorio e a excepcionalidade á renuncia a contratos dun ano por parte dos gandeiros". Ademais, agardan aínda tamén medidas legais que garantan o cumprimento dos contratos e a recollida.

A unión dos produtores é un paso pero non suficiente: faltan medidas legais que garantan o cumprimento dos contratos ou un mediador obrigatorio

Desde Ulega, que achega 600.000 toneladas e 2.500 gandeiros á nova organización, agardan "a mesma lealdade" que eles prometen no sector industrial e distribuidor, "para que se absteña de utilizar a presión como elemento de distorsión do mercado". "A industria ten que asumir que contratos, prezos e volumes son intereses compartidos, e como tales teñen que ser negociados, cunha perspectiva de estabilidade e esquecendo os réditos a curto prazo", din. 

As organizacións de produtores piden á distribución que abandone "a presión" e "máis innovación" á industria transformadora

Do mesmo xeito, insisten en reclamar unha "maior vocación innovadora" ás empresas transformadoras do país ante a coincidencia da fin das cotas coa apertura de "novos e potentes mercados coma o chinés, o árabae ou mesmo o africano". "Van revolucionar o sector lácteo, xa que suporá a demanda dunha maior cantidade de elaborados, polo que é mais importante que nunca que a cadea de valor do leite se manteña equilibrada", advirte Ulega, que lembra que a recente e elevada sanción ás industrias "sacou tamén á luz que o modelo de negocio da empresas transformadoras está esgotado" e que "incomprensiblemente" non supuxo multa para a distribución, "a principal adulteradora dos prezos". 

Explotación láctea galega © UUAA
Explotación láctea galega © UUAA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.