"Quedarán cinco ou seis bancos e será un monopolio; non é san"

Joan Antoni Melé, subdirector xeral de Triodos en España © Triodos

Joan Antoni Melé, subdirector xeral de Triodos en España, está considerado un dos mellores coñecedores so sistema financeiro. Na Facultade de Económicas da USC, e baixo o título O diñeiro como camiño de autocoñecemento, deu unha conferencia centrada na necesidade dunha toma de conciencia por parte da sociedade dos fundamentos necesarios para unha nova economía. O autor do libro Dinero y Conciencia. ¿A quién sirve mi dinero?, promove unha banca con valores e representa unha das entidades éticas máis importante do mundo, que xa conta con máis de 6.000 clientes en Galicia. En conversa con Praza, recoñece que Triodos xa pensa en abrir unha oficina máis no país, desta vez en Vigo.

Dentro do negativo da crise económica, axuda esta situación á banca ética?

O que permitiu a crise é que máis xente se decatase de que existe outro modelo de banca. Tivemos máis difusión porque a xente deuse de conta de que é unha entidade que dá todos os servizos da banca desde unha concepción ética da mesma, pero tamén porque a nosa solvencia é moito maior que a da banca convencional. Todo isto contribuíu a un crecemento espectacular de clientes, de até un 110%, aínda que as cifras son relativas porque seguimos sendo pequenos. Desde logo, esta crise serviu tamén para espertar as conciencias.

"A crise serviu para espertar as conciencias e para que a xente se decatase de que existe outro modelo de banca"

Tamén en Galicia?

Si, a cousa vai moi ben en Galicia, pero o desenvolvemento é incipiente. O normal, cando se abre unha oficina, é que nos primeiros tres meses se poñan as bases para logo ir medrando. No entanto, a oficina galega, situada na Coruña, creceu moito en proporción a outras do Estado desde o primeiro momento. Moita xente advertíanos de que en Galicia sería máis difícil que nos consolidaramos porque a xente era moi desconfiada, pero nada diso, senón todo o contrario. A cousa vai tan ben que é moi probable que o ano que vén abramos outra oficina en Vigo para ter dous focos nesta comunidade; e nós só abrimos oficinas cando acumulamos moitos clientes.

Captan tamén grandes fortunas en Triodos?

Estamos captando clientes con grandes cantidades de cartos e que acoden a nós por unha cuestión de solvencia, non só pola nosa ética. O número de clientes que apostaron por Triodos empezou a medrar a mediados do ano pasado, coincidindo tamén co movemento 15-M, porque houbo moitas persoas que nos empezaron a coñecer, informáronse, comprobaron os nos balances e decatáronse de que eramos unha entidade totalmente solvente e seria. 

"Estamos captando clientes con moitos cartos que acoden a nós pola nosa solvencia, non só pola ética"

A solvencia será debida a algo...

E que nós non fixemos especulación e non temos eses problemas que teñen outros. Cando ves ou les o que lle pasa a outras entidades pensas que como foron capaces de poñer en risco as súas entidades con esa política especulativa. Se logo che axudan con cartos públicos, a cousa semella moi fácil, pero iso vaise acabar porque un país non pode manterse así, baixo ningún concepto. Nós non ofrecemos produtos financeiros estraños á xente, que logo non sabe onde ten os seus cartos, nin sabe onde se están investindo. A xente quere unha banca solvente, sensata, prudente e seria e, se ademais é ética, pois moito mellor.

"Nós non fixemos especulación, por iso non temos os problemas que teñen outras entidades"

A desafección de moitos usuarios coa banca tradicional acaba levándoos á banca ética, coñece o problema das preferentes en Galicia?

O problema das preferentes é que son o que son. Son un produto interesante pero para un determinado tipo de cliente ao que tes que explicarlle claramente as vantaxes, pero tamén os riscos. Non llelo podes vender aos clientes como un aforro a prazo fixo porque non o é e iso pasou en toda España, non só en Galicia. En Cataluña houbo manifestacións enormes de pensionistas diante de varias entidades pedindo que lles devolvesen os cartos. A xente confiouse e asinou o que lle puxeron diante. Agora mesmo non sei se conseguirán que lles devolvan o seu diñeiro.

Que opinión lle merece a reestruturación financeira que está a preparar o Goberno?

España era o país do mundo con máis oficinas bancarias por habitante e iso non era normal nin sostible. Agora ben, hai alternativas á maneira na que se está levando a cabo a reestruturación bancaria, sobre todo no que se refire ás axudas os bancos. Non pode ser así. Hai que axudar os cidadáns e non só aos grandes banqueiros. O Estado podería ter comprado todas as vivendas dos bancos e alugarllelas aos cidadáns a un prezo razonable para logo recuperar os cartos pouco a pouco cando a cousa fose ben. Axudouse aos grandes accionistas e non ao cidadán. Entendo que se reduzan oficinas, pero agora imos a unha fórmula coa que quedarán cinco ou seis bancos en España. Se antes tiñan poder, imaxínate agora. Case imos a unha situación de monopolio e iso non é san.

"O Estado axuda os grandes banqueiros e non os cidadáns; por que non compra os pisos que teñen os bancos e os aluga?"

Respecto á crise económica, é vostede tan pesimista como o que se tira de todos os indicadores económicos?

Eu son optimista, aínda que algúns me chamen inxenuo. Sei que imos sufrir, pero a miña mensaxe é de optimismo, confianza e coraxe. O que teño claro é que ninguén vai vir de fóra a arranxar esta crise; temos que volver á época dos nosos pais e dos nosos avós, así que tocará traballar duro, pero todo o que precisamos témolo, sobre todo a xente nova, que ten moito máis que os nosos proxenitores. Iso é o que lle digou eu aos mozos nas conferencias: que non poden deixarse vencer polo medo e polo desánimo, porque iso é o que nos están metendo na cabeza seguido. Só nos inculcan desánimo e iso non pode ser. Precisamos ánimo e cooperación. Xunto ímolo sacar adiante e, desde logo, por min non quedará.

Joan Antoni Melé, subdirector xeral de Triodos en España © Triodos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.