O tempo do cemento vai quedando atrás. Moitas empresas, en moitos sectores, non necesitan xa de grandes naves, nin de boas comunicacións por estrada, senón doutro tipo de servizos, nos que a localización xeográfica xa non é tan importante. O Concello de Amoeiro vén de lanzar o primeiro polígono virtual de Galicia, en colaboración coa empresa Ciolet System e a Corporación Eurogalega de Negocios. Nun primeiro momento ofrécelles aos emprendedores asesoramento fiscal, laboral e contable de balde. Nunha segunda fase estas empresas situarán o seu domicilio fiscal en Amoeiro, beneficiándose de máis servizos de tecnoloxía (seguridade, aloxamento web, rede, mantemento...) por dez euros ao mes.
A iniciativa está a ter un grande éxito, despois de poucas semanas de facer pública a proposta, que comezará a andar en xaneiro. O polígono xa conta con 30 empresas e esperan chegar ás 100 antes de final de ano. O alcalde da vila, Rafael Rodríguez (PSdeG-PSOE), salienta que "queremos converter Amoeiro nun concello que aúne tradición e tecnoloxía, queremos ser o primeiro concello 2.0 de Galicia". "Buscamos atraer xente e ofertar servizos a prezos mínimos. É unha iniciativa empresarial que nos abre ao mundo", destaca.
Os promotores do Polígono destacan que o "prestixio" de inserirse neste espazo "marcará a diferenza ante os seus competidores, posibilitando unha inserción máis rápida no mercado, rompendo a barreira da desconfianza do consumidor ou investidor". "Esta si é unha iniciativa para loitar contra a crise e o desemprego, salienta o rexedor, e que demostra que "calquera concello, por pequeno que sexa, pode ter iniciativas", conclúe
