Quítanlle a axuda a un parado de longa duración por non renovala malia estar encamado

Oficina de emprego CC-BY Adrián Estévez

Parado de longa duración, sete anos en desemprego, sen ingresos, cunha grave enfermidade crónica e agora sen axuda ningunha, malia que lle corresponde. Esa é a dura e indignante situación pola que pasa o coruñés José Manuel Iglesias, ao que o Estado lle vén de retirar a renda activa de inserción (RAI) ao non poder acudir a renovala ao Servizo Público de Emprego. O motivo: unha doenza que o mantivo encamado durante un longo período de tempo. A pesar de presentar a correspondente alegación, na que se incluían os informes médicos que xustificaban a súa imposibilidade para pasar revista na data correspondente, o Estado denegoulla, o que coloca este home de 62 anos, e cunha minusvalía do 9%, en grave risco de exclusión social.

Unha grave enfermidade impediulle a José Manuel renovar a axuda; a Administración quitoulla malia que lle quedan oito meses por cobrar

É un caso, pero ben seguro que non é o único. No pasado mes de novembro, José Manuel sufriu un brote psicótico que, unido a unha lesión nas cervicais, lle impediu renovar a RAI. "Estaba sendo atendido pola miña filla; cando me deron a alta fun á oficina de Emprego e comunicáronme que me sacaban toda a paga que estaba a recibir", conta a Praza. Levaba tres meses recibindo esta renda, de 426 euros, destinada a colectivos con ingresos inferiores ao 75% do salario mínimo interprofesional, con especial dificultade para atopar traballo e en situación de necesidade económica. Quedábanlle aínda oito por cobrar, pero a Administración non atendeu a súa reclamación malia presentar os informes médicos do Sergas.

A lei dálle a razón, xa que aínda que indica claramente que se causará "baixa definitiva" da axuda "ao non comparecer previo requirimento ante o servizo público de emprego e non renovar a demanda", tamén aclara que se aplicará este principio "agás causa xustificada".

O Estado denégalle o recurso presentado malia presentar os informes médicos do Sergas

Vén de presentar outro recurso pero, de non prosperar, quedará sen nada. Ao contrario que con outras axudas ou prestacións, neste caso o feito de non acudir a pasar revista supón a supresión completa de toda a paga, das oito que aínda tiña por cobrar. Tamén aí ve José Manuel unha discriminación. "Parece que aínda prexudican máis os parados de longa duración, porque neste caso non me penalizan cun mes sen cobrar, senón que me quitan todo; é unha inxustiza", quéixase.

"Atópome sen nada, na rúa. Teño 62 anos, unha enfermidade grave e a columna esnaquizada", recorda este coruñés que sobrevive grazas ao soldo de 500 euros que cobra a súa filla por media xornada. "Pagamos 200 euros de aluguer e só nos quedan 300 euros para comer, pagar luz, auga... Para vivir", relata.

Este coruñés xa denunciou publicamente hai un ano o bloqueo da súa tarxeta sanitaria

A situación empeora se temos en conta que tampouco pode reclamar a xubilación anticipada, xa que non ten os suficientes anos cotizados ao traballar a maioría da súa vida "como autónomo". Agora, está en trámites para solicitar a Risga (Renda de Integración Social de Galicia), tras sufrir xa outros atrancos que a burocracia lle pon á vida, como que lle retirasen a tarxeta sanitaria hai un ano. "Estiven mes e pico sen medicación, pero agora estou na da miña filla", explica un home que asegura coñecer máis casos semellantes ao seu.

"Parece que van por min; sempre apertan os máis débiles e foden a quen menos posibilidades ten para saír adiante", lamenta José Manuel, que promete acudir á Xustiza se a Adminstración volve denergalle a segunda alegación presentada. Enfermar e quedar encamado supúxolle tamén quedar sen recursos.

O grupo municipal de Esquerda Unida-Os Verdes da Coruña denunciou xa o caso e acusa o PP de "estar a retorcer a lei con interpretacións torticeiras para aforrar cartos a conta dos máis necesitados, amosando unha alarmante falta de humanidade". Ademais, o seu voceiro, César Santiso, pregúntase se a eliminación da paga a este cidadán da Coruña "non será unha represalia", logo de que fose perciamente el quen denunciara publicamente hai xa un ano o bloqueo da tarxeta sanitaria por parte da Administración.

Oficina de emprego CC-BY Adrián Estévez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.