Rajoy bendí a 'dación en pagamento' das autoestradas en quebra

Son varias as autoestradas ruinosas que agora van ser 'rescatadas' polo Goberno © El Diario

“É unha fórmula de dación en pago, pero ao bruto”. A afirmación é dun enxeñeiro de camiños que hai quince anos participou no proceso de articulación da fórmula de concesións a empresas privadas para a construción das chamadas autoestradas radiais. Agora cando unha boa parte destas infraestruturas está en quebra, bota as mans á cabeza ante o plan do “mal chamado rescate” polo que o Goberno e o Ministerio de Fomento propoñen a creación dun “banco malo das autoestradas” que se “fará cargo as radiais que están crebadas” e liberará promotores e bancos das obrigas de financiamento e explotación que contraeron. 

Fomento propón a creación dun “banco malo das autoestradas” que se “fará cargo as radiais que están crebadas” e liberará promotores e bancos das obrigas de financiamento e explotación que contraeron

Aínda por riba, compensaralles con diversas fórmulas. “O peor é que todo é legal”, laméntase, xa que no deseño dos proxectos de financiamento das autoestradas “establecíase a responsabilidade patrimonial da Administración”.

O debate sobre a creación do banco malo das autoestradas é un dos asuntos que, entre outros, se tratou durante o recente Cumio da Enxeñaría española 2013 celebrado a pasada semana en Madrid. Precisamente a ministra de Fomento, Ana Pastor, clausurou o encontro, aínda que no seu discurso non fixo mención ao tema. Os enxeñeiros máis críticos mostran a súa indignación polo agravio comparativo que se establece entre “a beizón que o Goberno fai desta fórmula de reversión de activos” (en referencia ás autoestradas radiais), e a súa negativa a articular unha formula de dación en pagamento para as familias propietarias de pisos que se viron atrapadas pola recesión económica e non poden facer fronte ás súas hipotecas.


Nacionalizar as perdas

 

Os enxeñeiros máis críticos mostran a súa indignación polo agravio comparativo que se establece entre “a beizón que o Goberno fai desta fórmula de reversión de activos” e a súa negativa a articular unha formula de dación en pagamento para as familias propietarias de pisos

A drástica redución da circulación de automóbiles como consecuencia da crise económica, a fórmula coa que se abordou a expropiación dos terreos para construír as autoestradas e “a falta de rigor das previsións dos tráficos que poderían atraer cada unha delas” son as causas que, segundo os enxeñeiros, provocaron a situación crítica á que se enfrontan as radiais de Madrid, a autoestrada de circunvalación de Alacante, ou os treitos de Alacante-Cartaxena ou de Cartaxena a Vera. De feito as concesións de Madrid-Toledo, a R-4, Accesos de Madrid e Autocosta están en concurso de acredores. A pelota das súas débedas aproxímase aos 4.000 millóns de euros, e a esta cifra hai que sumarlles outros 1.800 do sobrecusto polas expropiacións.

Entre as empresas construtoras responsables das radiais en dificultades atópanse Abertis, Cintra, Acciona, ACS, Sacyr, FCC, Ferrovial, OHL ou Glbalvía. Hai tamén algunhas entidades financeiras como Bankia, BMN (as antigas caixas do levante) ou Unicaja, no capital das concesionarias.  

Entre as empresas construtoras responsables das radiais en dificultades atópanse Abertis, Cintra, Acciona, ACS, Sacyr, FCC, Ferrovial, OHL ou Glbalvía

Para atallar unha situación que ameaza con volverse contra as construtoras, bancos e Goberno, o Ministerio de Fomento está a pór a punto un plan para crear o que xa se coñece como banco malo das autoestradas. Será unha empresa pública que se fará cargo dunha decena de estradas de alta capacidade. O departamento que encabeza Ana Pastor acepta a reversión das autoestradas, pero esíxelle a bancos e concesionarias un desconto de entre o 20% e o 50% das cantidades que gastaron os promotores na construción e o mantemento das infraestruturas.

 

Activos tóxicos

Os enxeñeiros aseguran que a figura ideada no modelo concesional que lles deu vida no seu día, e en plena burbulla do cemento, ás radiais, establecía a "responsabilidade patrimonial da Administración"

Pero é que ademais de quedar con activos tóxicos como son unhas radiais que ninguén quere utilizar, o chamado banco malo das autoestradas vai ter que resarcir con fondos públicos as empresas e bancos responsables do desastre. Os enxeñeiros aseguran que a figura ideada no modelo concesional que lles deu vida no seu día, e en plena burbulla do cemento, ás radiais, establecía a "responsabilidade patrimonial da Administración".

Deste xeito se, como finalmente ocorreu, as autoestradas de concesión privada non captaban o tráfico e o volume de peaxes que as facía viables e entraban en quebra, os seus promotores poderían acollerse a unha fórmula de dación en pagamento de maneira que se liberaban das súas responsabilidades entregando a estrada en peza aos bancos que lles emprestaron os cartos para construíla. Pero que poden facer os bancos cunha infraestrutura que durante unha década mostrou a súa completa inutilidade, máis aló de engordar un negocio pura e simplemente especulativo?

O Estado resarcirá as concesionarias morosas cunhas cantidades de diñeiro público que poderían oscilar entre 2.500 e 3.500 millóns

Como a banca non está disposta a explotar autoestradas ruinosas, por unha banda presiona as construtoras para que devolvan os créditos e, por outro, a Fomento para que defina dunha vez a figura da sociedade pública. Así se pon en marcha a responsabilidade patrimonial da Administración que obriga o Estado a facerse cargo en última instancia duns activos tóxicos, co que de novo se nacionalizan as perdas das empresas privadas. Ademais, e esta é a parte que atrasa a posta en marcha do plan, resarcirá as concesionarias morosas cunhas cantidades de diñeiro público que poderían oscilar entre 2.500 e 3.500 millóns.

Son varias as autoestradas ruinosas que agora van ser 'rescatadas' polo Goberno © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.