Rajoy di que a axuda non supón condición ningunha e o BCE négao

Rajoy, chegando á xuntanza do Consello Europeo © Consello Europeo

Contradicións. Mentres Mariano Rajoy insite en que as medidas decididas no Consello Europeo para axudar a España e Italia non supoñen condicións por parte da UE, outros líderes europeos e incluso o Banco Central Europeo (BCE) aseguran o contrario. "Non inclúe ningunha condicionalidade macroeconómica", respondeu o presidente do Goberno ao ser preguntado sobre o mecanismo de axuda ao sector financeir, que está xa no seu proceso final.

Aínda así, Rajoy tamén apurou a insistir no compromiso do seu Goberno coa consolidación fiscal, as reformas para crear emprego e o saneamento das contas públicas. Mentres, o presidente do BCE, Mario Draghi, amosaba a súa satisfación polas medidas do Eurogrupo para flexibilizar o rescate á banca española, pero pedía xa "condicións estritas" para que o proceso resultase "crible".

"Todas estas cousas deben ir acompañadas dunha condicionalidade estrita para ser cribles", di Draghi

"A supresión do estatus de acreedor preferente do fondo de rescate para España é un dos resultados, a posibilidade futura da recapitalización directa dos bancos, algo que o BCE defendeu hai tempo, tamén é un bo resultado", destacou Draghi. Pero rápido engadiu: "Todas estas cousas, para ser cribles, deberían ir acompañadas dunha condicionalidade estrita; iso é esencial porque senón non serán cribles".

Ao mesmo tempo, Rajoy aseguraba que, malia chegar a un acordo para posibilitalo, non pensa nestes momentos pedir á zona euro que compre débeda soberana a través do fondo de rescate para rebaixar os custos de financiamento. "Non pensamos en nada nese sentido", asegurou o presidente do Goberno.

Xefes de Estado e Goberno, no Consello Europeo © Consello Europeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.