Rajoy "dinamiza" o aluguer de vivenda con desafiuzamentos máis rápidos

Promoción inmobiliaria © NGB

A reforma financeira aprobada este venres polo Consello de Ministros arrasou con calquera outro titular posible. Pero había máis. Un dos piares do proxecto presentado polo ministro de Economía é o incremento das provisións -cartos dispoñibles ante posibles perdas- para todos os créditos da banca vinculados ao ladrillo, con independencia de que o seu cobramento sexa dubidoso ou non. Outro é a creación dos bancos malos que tamén actuarán como inmobiliarias. Son novas sociedades que terán tres anos para unha misión que se di rapidamente e se dixire con lentitude: vender o inxente volume de vivendas que actualmente son propiedade da banca española, dende as procedentes de execucións hipotecarias ata as que obtiveron como froito do impagamento de créditos a promotores. Máis de 80.000 millóns de euros en ladrillo, mostra inerte e ao tempo vivinte dos anos da alegre burbulla que agora, ao seren lanzados ao mercado, previsiblemente farán caer notablemente o prezo da vivenda á venda. De forma paralela a esta reforma o Goberno impulsa outra, a do mercado inmobiliario en aluguer. Mentres provoca unha baixada de prezos quere "traer ao mercado" de arrendamento "un maior número" de vivendas e, para iso, aplica máis "liberdade", entre outras aspectos, para desafiuzar un inquilino. 

Fomento crea un "procedemento xudicial acelerado" e os inquilinos só terán "un prazo de dez días" para pagar ou ser desafiuzados

Cando o informe tratado onte polo gabinete de Mariano Rajoy sexa transformado nun texto legal as escenas de desafiuzamentos que nos últimos tempos se veñen coando nas primeiras liñas da actualidade reproduciranse tamén en casas alugadas. Haberá "moita axilidade", advirte a ministra de Fomento, Ana Pastor. O Goberno central coida que "os procedementos de desafiuzamento por impagamento de rendas son lentos e ineficaces" e por iso, entre outros aspectos, "reduce a intervención xudicial ao mínimo imprescindible". Aos propietarios bastaralles incluír no contrato de aluguer que "a falta de pagamento poderá dar lugar á resolución do arrendamento, sen máis esixencia que un previo requerimento notarial ou xudicial". Que cambia? Agora non cumprirá sentenza ningunha. O "procedemento xudicial acelerado" só lle deixará á persoa que non pode pagar "un prazo de dez días" para facer fronte á débeda. Se non, unha comisión xudicial -as cales contarán co "dobre" de capacidade, porque no canto de dous funcionarios, levarán só un- procederá a botalo á rúa.

Isto acontecerá con alugueres que xa non só subirán ao ritmo que o faga o Índice de Prezos ao Consumo (IPC). Cunha linguaxe semellante á utilizada pola ministra de Emprego durante a presentación da reforma laboral, Pastor afirma que as súas modificacións "priorizan a vontade das partes fronte ás obrigas". "As partes poden elas, por si mesmas, pactar a actualización da renda aínda que non estea no contrato", isto é, o propietario ou propietaria da vivenda pode decidir que a renda sobe o que considere oportuno cada ano. Agora ben, no caso de que o inquilino non poida facer fronte a esa decisión -ou en calquera outro caso-, Fomento facilítalle a marcha. Coa normativa aínda vixente, nos contratos "con duración pactada superior a 5 anos, o inquilino pode desistir" do aluguer "cando pasasen cinco anos" e comunicándoo con dous meses de antelación -nos de inferior duración, xa podía marchar en calquera momento, previo pago de "indemnización". De agora en diante, "con independencia da duración do contrato, "o arrendatario poderá desistir en calquera momento", só terá que avisar un mes antes.

O IPC deixa de ser a referencia para a subida anual da renda, Pastor asegura que dependerá "dun pacto" entre as partes

Con todo, esa "liberdade" para marchar ten outra contraprestación para os propietarios. A reforma dálles vía libre para "recuperar a vivenda" como residencia habitual "para eles, familiares en primeiro grao, por adopción ou para un cónxuxe no caso de divorcio". Que cambia? Poderano facer "sen necesidade de que se pactase no contrato" e cun "preaviso" de só dous meses. Ademais, no caso dos alugueres non inscritos no Rexistro da Propiedade, se o propietario decide vender a vivenda, "o comprador (...) non estará obrigado a manter o inquilino" ata que pasen cinco anos, como viña acontecendo.

A ministra de Fomento amósase convencida de que o seu proxeco "vai facilitar o acceso" á vivenda dos "colectivos máis vulnerables" e "a persoas novas" e ademais "vai permitir maior mobilidade dos traballadores". Tamén recoñeceu que, se cadra, o proxecto non é "moi bonito".

 

Ana Pastor, ministra de Fomento © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.