Rajoy imita a Feijóo e endurece os recortes aos funcionarios que falten ao traballo

Feijóo, con Rajoy no hotel Ritz de Madrid © Goberno de España

Os empregados públicos perderán a metade do soldo daqueles días soltos que non vaian traballar, aínda que sexa de maneira xustificada. Segundo adianta La Información, o Goberno vén de introducir no trámite de emendas do Senado ao proxecto de Orzamentos unha cláusula que permitirá ás Administracións reter aos funcionarios medio soldo de cada día que se ausenten do traballo por unha continxencia ou enfermidade que non se converta nunha incapacidade temporal e, polo tanto, que non supere os tres días de baixa. Deste xeito, o Executivo de Rajoy segue a senda marcada por Núñez Feijóo na Lei de Medidas Temporais en Determinadas Materias do Emprego Público de hai cinco meses.

O Goberno de Rajoy segue a senda marcada por Feijóo hai cinco meses

Naquela reforma legal da Xunta, tramitada pola vía de urxencia, incluíuse unha forte rebaixa nas percepcións salariais dos funcionarios e empregados públicos cando se ven afectados por unha continxencia común que lles impide acudir ao seu posto de traballo con normalidade. Así, por exemplo, cando unha gripe ou outro tipo de enfermidade leve ou un accidente de tráfico sen consecuencias graves os obriga a coller unha baixa ven como entre o primeiro e o terceiro día o complemento por incapacidade queda no 50% se é a primeira baixa do ano, no 40% se é a segunda e, directamente, no 0% se é a terceira. Do cuarto ao vixésimo día este complemento sitúase no 75% tras o recortes e, de aí en diante, no 100%.

As baixas por arrefriado ou accidente doméstico non supoñían até o de agora unha redución da nómina dos funcionarios

Actualmente, as baixas episódicas por un arrefriado, accidente doméstico ou causas persoais non supoñen unha redución da nómina dos funcionarios, xa que o custo é cuberto na súa totalidade polo pagador, a Administración, independentemente dos días de baixa que se xunten. Na empresa privada, agás excepcións, non adoita acontecer.

O Goberno central establecera uns límites segundo os cales do primeiro ao terceiro día de baixa o complemento de incapacidade ten que chegar ao "máximo do 50% das retribucións". Do cuarto ao vixésimo Rajoy outórgaballe liberdade a cada Administración, sempre e cando non superase o 75%. Dende o vixésimo día e ata o nonaxésimo -limiar a partir do cal entran en xogo outras normativas- "poderase recoñecer a totalidade das retribucións básicas, da prestación por fillo ao cargo, no seu caso, e das retribucións complementarias". A Xunta revelárase daquela como unha alumna aventaxada nesta materia, xa que o Estado non restrinxía nin chegaba a eliminar a retribución nos primeiros tres días de incapacidade se non se trata da primeira baixa do ano. Agora, o Goberno de Rajoy decide ir máis aló e copiar o modelo instaurado polo Executivo galego de Feijóo, nunha imitación que non é única. A reforma educativa que prepara o ministro Wert segue, no plano lingüístico, a vía marcada pola Administración galega co seu decreto do plurilingüismo.

 

Feijóo recibe a felicitación de Rajoy, o luns 22 en Madrid © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.