Rajoy oculta o que prevé recadar cos recortes pero revélallo á prensa internacional

Rajoy preside o Consello no que se aprobaron os recortes © Goberno de España

Europa empieza en los Pirineos. Os creadores da serie televisiva Cuéntame cómo pasó, que emite Televisión Española, elixiron este título para un dos seus capítulos, vinculado ás escapadas que os españois realizaban a Francia durante no tardofranquismo para, por exemplo, ver filmes que a censura da ditadura vetaba. Dándolle a volta á sentenza "África comeza nos Pirineos", empregada para achacarlle subdesenvolvemento ao Estado español a respecto do resto de Europa, a ficción de TVE permitíulles aos seus espectadores lembrar os tempos nos que, por exemplo, a célebre Radio España Independente, a Pirenaica, permitía acceder a noticias que no interior era imposible coñecer. Salvando as distancias, algo semellante vén de pasar a respecto do paquete de recortes aprobado polo Goberno central o pasado venres. A vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría, como antes fixera Rajoy, asegurou que a tesoirada permitiría aforrar 65.000 millóns de euros, sen máis explicacións. Non é o mesmo que puido contar este sábado a prensa internacional informada, precisamente, polo propio Goberno de España.

O Goberno central terá que facer funcionar a tesoira de novo para axustar os 8.560 millóns que faltan

Malia non revelarllo aos medios de comunicación españois o gabinete de Mariano Rajoy si ten realizado un preciso cálculo de cantos cartos recadará ou deixará de gastar con cada recorte. Esas cifras incluíunas nun comunicado redactado só en inglés e remitido á prensa estranxeira do que, para comezar, se pode tirar que os 65.000 millóns non son tal. Nomeadamente, o Executivo conservador fixa o importe total do recorte en 56.440 milóns, o que quere dicir que terá que, máis cedo ca tarde, terá que facer funcionar a tesoira de novo para axustar os 8.560 millóns que faltan. Ademais, mentres organizacións de consumidores, partidos políticos e a propia prensa bota man da calculadora, dende La Moncloa explícase, por exemplo, de onde prevén que chegue o montante máis importante do axuste: da recadación por IVE. Concretamente, agardarn ingresar 22.100 millóns de euros ata 2014, dos que 2.300 corresponderían a este ano, 10.130 a 2013 e os restantes 9.670, a 2014.

Xunto ao ascenso do IVE -o tipo xeral pasa do 18% ao 21% e o reducido, do 8% ao 10%- a outra gran esperanza do Goberno do PP está nun dos recortes máis contestados, o das prestacións por desemprego. Segundo os datos feitos públicos alén das fronteiras do Estado, esa tesoirada deixará un saldo positivo de 13.760 millóns nos mesmos tres anos. A continuación estarían 9.220 por recortes en diversos servizos públicos -partida que inclúe a rebaixa no salario do persoal público-, 7.490 dos incrementos no imposto de sociedades, 4.110 pola reforma do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) e uns nada desprezables 3.020 millóns de euros que resultan especialmente lesivos para as persoas directamente afectadas, xa que proceden do recorte nas prestacións da Lei de Dependencia. O paquete complétase con 1.000 millóns de "recortes adicionais" nunha explicación que só ten un dato con signo negativo, os 4.980 millóns que o Estado prevé deixar de recadar pola rebaixa nas cotizacións da Seguridade Social para as empresas.

O impacto do recorte nas autonomías

Nos servizos públicos, 5.800 millóns saen das autonomías e 1.800, do Estado

Outro dos datos furtados polo Goberno central á opinión pública do Estado pero non á prensa internacional é o reparto do recorte en función das Administracións que a soportarán. Desta explicación é posible deducir que os augurios lanzados por algúns gobernos autonómicos como a Generalitat de Catalunya non ían especialmente desencamiñados. Así, por exemplo, o Ministerio de Economía detalla que, na partida de "servizos públicos", uns 5.800 millóns sairán das comunidades autónomas mentres que á Administración central lle corresponden algo menos de 1.800. Do mesmo xeito, detalla que o recorte na Lei de Dependencia lle afectará ás autonomías en 1.192 millóns e ao estado, en 1.832.

Nos cadros remitidos aos medios estranxeiros o Ministerio de Economía lembra, por último, os seus cálculos de aforro derivados das "medidas adoptadas previamente", tales como o recorte de 27.300 millóns nos Orzamentos Xerais do Estado, 18.425 procedentes dos plans económico-financeiros das autonomías ou 6.267 millóns da tesoirada en sanidade e educación do pasado mes de abril. No mesmo punto atópase tamén os cartos nos que cifra o Estado a "reforma da Administración local", 3.500 millóns de euros.

Treito do comunicado remitido á prensa internacional © Ministerio de Economía
Cadro incluído no comunicado, co resumo dos recortes © Ministerio de Economía

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.