Rajoy xoga cos tempos electorais e di agora que non sabe se haberá rescate

Rajoy, durante a sesión de control © Goberno de España

"Non sei se é necesario que España o pida". Mariano Rajoy xoga cos tempos. Malia que toda a oposición e boa parte do Goberno asumen xa que o Estado pedirá o rescate, o presidente di agora que nin tan sequera sabe se será preciso que o BCE interveña no mercado de débeda para comprar bonos españois e baixar así a prima de risco. E iso que varios medios aseguran que o que lle dixo o martes á prensa finesa foi exactamente o contrario.

A resposta de Rajoy alimenta os argumentos de quen pensa que o rescate será solicitado logo das eleccións galegas

Deste xeito respondeu Rajoy ás preguntas feitas polo líder do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, durante a sesión de control ao Goberno. O secretario xeral socialista dá por feito que España terá que pedir o rescate e a resposta do presidente do Goberno non fai máis que alimentar os argumentos daqueles que din que esta petición de axuda ao BCE tan só chegará unha vez pasen as eleccións en Galicia e no País Vasco.

Rubalcaba foi máis aló, xa que vaticinou que asumir este rescate traerá consigo a conxelación das pensións, algo que adoita negar o presidente do Goberno, aínda que hoxe non quixera aclarar nada. Outro indicio máis de que si acabará facendo algo coas pensións. Rajoy optou pola vía do reproche e do recordatorio da herdanza. "O único partido no Goberno que conxelou neste país as pensións foi o PSOE. O PP, nós, subímolas sempre". Ademais, engadiu: "Os problemas neste país débense a que vostedes nos deixaron un 9% de déficit. Agora tentamos dar solución ao problema que vostedes crearon".

Rajoy evita aclarar se tocará as pensións e prefire culpar as herdanzas do pasado

"Non sei aínda cales son as condicións e non sei se é necesario que España pida o rescate", chegou a dicir Rajoy, que amosou a súa "sorpresa" por que Rubalcaba "si saiba cales son as condicións que van pór ao Estado". "Diso non sei absolutamente e nada e vostede tampouco sabe absolutamente nada", espetoulle Rajoy ao Goberno.

Rubalcaba reclamou tamén que non se repita o "bochornoso espectáculo" da axuda ao sistema financeiro, que se votou en Alemaña mentres en España "non nos decatabamos de nada". O secretario xeral do PSOE solicitou a Rajoy que traia este debate sobre o rescate ao Parlamento, tal e como ocorre en Cataluña, onde, segundo dixo, tras a celebración da Diada está a verse un "incremento da tensión territorial".

Rubalcaba pide ao Goberno que non cometa "o mesmo erro" que cos Orzamentos e as eleccións andaluzas

Foi o propio líder socialista o que reclamou a Rajoy que non cometa "o mesmo erro" que en marzo, cando aprazou a presentación dos Orzamentos até despois das eleccións andaluzas e asturianas. Por iso, pide que non atrase a decisión sobre o rescate até despois dos comicios vascos e galegos.

Antes, o líder de Izquierda Unida, Cayo Lara, solicitoulle un referendo se finalmente se concreta a petición de rescate cun novas condicións e axustes, tras criticar os sacrificios que se están a impoñer aos cidadáns. "Lévanos ao abismo, mantennos nun círculo vicioso infernal", afirmou o voceiro da coalición, antes de reclamar unha "reforma fiscal progresiva" como a que anunciou o presidente francés, François Hollande.

A resposta de Rajoy foi firme: "O emprego, as pensións, a educación... non se pagan endebedándose. Nin con discursos. A política económica que estamos a aplicar leva sacrificios pero este momento é transitorio. Pronto empezará a dar froitos e o que fixo Hollande non se diferencia moito do que facemos aquí".

Rajoy, durante a sesión de control © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.