Rebelión interna en CCOO polo apoio do seu experto á reforma das pensións

Los sindicatos pídenlle ao Goberno que no se agache detrás dos expertos © El Diario

O apoio de Miguel Ángel García, responsable do Gabinete Económico de CC.OO e representante no comité de expertos que avalou o informe de proposta para revalorizar as pensións, xerou un gran malestar no sindicato. Sete membros do Gabinete Técnico Interfederal (que se encarga do asesoramento en despedimentos colectivos, entre outros labores) escribiron o luns unha carta remitida a Ignacio Fernández Toxo, secretario xeral, e a toda a súa Executiva, na que cualifican de "escandaloso" o voto favorable do seu compañeiro. Non cren que sexa unha decisión estritamente persoal. Os críticos aluden tamén ao que consideran unha "morna resposta" por parte da dirección.

Os letrados Enrique Lillo, Alicia Gómez, Ángel Martín e Cristina Segura; os economistas Eduardo Gutiérrez e Daniel Albarracín, e a socióloga Lola Morillo, lémbranlle á Executiva que nunha circular interna do pasado 13 de marzo se cualificaba de inconstitucional a supresión, a golpe de decreto, da revalorización automática anual das pensións en función do IPC. Con todo, o representante do sindicato no comité de expertos (doce sabios en total) votou a favor da proposta cunha puntualización particular. Un voto que cualifican de "paradoxal e escandaloso".

Os autores do comunicado din que son conscientes de que era difícil incorporar no informe emendas contra o recorte das pensións "dada a composición do grupo de expertos. "Non son expertos independentes, imparciais e obxectivos. Son profesionais de parte interesada con vínculos estreitos, coñecidos e moi ben retribuídos economicamente, con entidades financeiras e compañías aseguradoras". Entre elas citan a Mapfre e a Unespa, a patronal do seguro.

Para os autores do escrito, o informe dos expertos pretende rebaixar as pensións públicas para que, quen poida, as complemente con outras privadas, aumentando así o negocio dos bancos e dos aseguradores; sectores aos que pertencen a maioría dos autores do citado informe.

Para os autores do escrito, o informe dos expertos pretende rebaixar as pensións públicas para que, quen poida, as complemente con outras privadas, aumentando así o negocio dos bancos e dos aseguradores

Se existe realmente un problema inminente de financiamento da Seguridade Social, din os membros do Gabinete Técnico, a solución non pasa por recortar as pensións, senón por introducir criterios de equidade e xustiza nas achegas que sosteñen o sistema público. Os sindicalistas piden, por exemplo, que as cotizacións poden proporcionarse aos salarios e non nunha taxa fixa como a actual. Desa forma, as rendas máis altas achegarían máis cotizacións ao sistema.

Os sindicalistas rebeldes, que trufan de adxectivos a decisión de CCOO e do seu compañeiro por "frívolas", "irresponsables", din que "nin a autonomía e independencia coa que este compañeiro declara traballar, nin o seu descoñecemento da realidade laboral inmediata e dos efectos da crise dado que non participa nas impugnacións e análises dos argumentos empresariais nos seus despedimentos e rebaixas salariais, foron suficientes para inmunizar o feito de que o seu voto se emitise en nome de CCOO".

Os sindicalistas piden, por exemplo, que as cotizacións poden proporcionarse aos salarios e non nunha taxa fixa como a actual. Desa forma, as rendas máis altas achegarían máis cotizacións ao sistema

O comité de expertos convocado por Emprego aprobou o informe final co voto en contra do representante de UGT, Santos Ruesga, e a abstención do nomeado polo PSOE, Tortuera. García emitiu un voto particular no que pedía trasladar a aplicación do factor de sustentabilidade proposto na reforma até 2019,  fronte ao desexo do resto dos integrantes do comité que piden que entre en vigor en 2014.

A proposta expón crear dous correctores para a pensión. Un que só lles afectará ás novas pensións e que corrixirá a contía da prestación en función da esperanza de vida do pensionista no momento da xubilación. O outro elemento está chamado a substituír o IPC na revalorización das pensións. É este segundo punto, que pode erosionar o poder adquisitivo dos pensionistas ao quedar por baixo da evolución dos prezos, o que máis bochas levantou no entorno sindical.

Los sindicatos pídenlle ao Goberno que no se agache detrás dos expertos © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.