Récord de contratos laborais inferiores a unha semana en Galicia

Persoal dun laboratorio CC-BY-NC-SA PSdeG

O pasado mes de xuño asináronse en Galicia 33.702 contratos laborais de duración inferior a unha semana. É un dato récord, o maior da serie histórica, e rexístrase nun contexto no que os diversos indicadores da conxuntura laboral indican, como se vén subliñando dende a Xunta e o Goberno de España, que o peor da crise neste eido xa pasou. Dende hai algo máis de dous anos o paro está a baixar -así o reflicten as inscricións nas oficinas de emprego e a enquisa de poboación activa, as afiliacións á Seguridade Social aumentan paseniñamente -20.000 máis en 2015 a respecto do ano anterior- e medran os contratos indefinidos asinados -mil máis o ano pasado con relación ao anterior e 9.000 máis que en 2013-. Así e todo, o crecemento no número de contratos temporais é moito maior, tanto que o pasado 2015 foi o ano con máis contratos laborais asinados en Galicia, sen que isto se traducise nun incremento exponencial do emprego.

En Galicia xa se asinan moitos máis contratos que antes da crise, pero as persoas a traballar no país son menos

Para obter esta radiografía do mercado laboral galego cómpre comezar tendo en conta que a proporción de temporais e indefinidos entre os contratos que se asinan en territorio galego é agora semellante á que se daba antes do inicio das dificultades económicas: arredor do 95% dos contratos que se asinan son temporais e o restante 5%, indefinidos, o que non impide que a maior parte da poboación asalariada o estea cun contrato indefinido, segundo acredita a EPA. Con esta proporción comezou en 2013 o medre no número de contratos asinados ata chegar ao récord de 2015, con case 40.000 contratos máis que os asinados no considerado derradeiro ano da bonanza económica, o 2007, pero con menos persoas traballando en Galicia, tal e como amosan os datos da Seguridade Social e da propia enquisa de poboación activa. Moitos máis contratos asinados, pero entre menos xente.

Unha vez observadas as cifras xerais dos contratos, cabe poñer o foco nelas dende que comezou a súa remonta, isto é, nos últimos catro anos, para coñecer as características dos temporais. Mentres se producía a devandita suba de contratos indefinidos, os temporais medraban con vigor e facíano mentres os de menor duración aumentaban o seu espazo no mercado laboral galego. Así, por exemplo, en 2015 asináronse case 270.000 contratos de menos dunha semana, 80.000 máis que catro anos antes, e uns 150.000 de entre un e seis meses, o que supón un incremento duns 25.000 contratos asinados. Tamén aumentaron notablemente os contratos máis inestables, os de duración indeterminada, pasando de algo máis de 230.000 en 2012 a case 300.000 en 2015.

Foi así como se preparou o terreo para que na primavera deste 2016 os contratos de menos dunha semana pasasen a ser os máis numerosos entre os asinados en Galicia, un fenómeno que xa se deu no inicio dos dous anos anteriores pero cunha menor diferenza a respecto do segundo tipo de contrato máis habitual, o de duración indeterminada. Así, por exemplo, os contratos de menos dunha semana asinados o pasado xuño son 5.000 máis que os do mesmo mes do ano anterior, mentres que os de duración indeterminada se incrementaron en menos de 2.000, evolución semellante aos de entre un e 6 meses.

A tradución da contratación no emprego

Como adoito, a sinatura de moitos máis contratos non implica que o mercado laboral xere moito máis emprego. Se ben é certo que durante os anos de maior destrución de emprego en Galicia, de 2007 a 2009, os contratos asinados caeron mesmo a un maior ritmo que os postos de traballo -ata un 13% en 2009, fronte a un descenso interanual do 4% nas afiliacións medias á Seguridade Social ese ano-, cando o número total de contratos comezou a remontar, en 2012, a evolución do emprego seguiu en datos negativos: naquel ano a afiliación media descendeu un 4% e os contratos aumentaron case nesa mesma proporción.

No último ano a sinatura de contratos medrou máis do 11% e o emprego, sete puntos menos

É así como se chega ao dato do último ano completo, o de 2015. A cantidade de contratos asinados en Galicia medra a un ritmo interanual moi superior ao de antes da crise, por riba do 11%, e o paro rexistrado -demandas de emprego de persoas paradas e inscritas nas oficinas de emprego- cae a un 9%. Mentres, a afiliación á Seguridade Social medra na contorna do 2%, cun rexistro dunhas 132.000 persoas menos a cotizar en Galicia que antes da crise e o mercado laboral galego é, segundo a EPA, cada vez máis pequeno.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.