Reforma enerxética: prexuízo para os consumidores, beneficio para as empresas

España é un dos países da UE no que a electricidade é máis cara CC-BY La.Blasco

Na sesión parlamentaria do mércores, na que Rajoy enumerou os recortes e reformas que o seu Goberno pensa aprobar nesta semana e as seguintes, incluíase o anuncio dun incremento dos impostos á xeración de enerxía eléctrica, para reducir o déficit de tarifa, que xa supera os 25.000 millones de euros. Non deu máis detalles e só afirmou que a taxa impositiva sería "proporcional" aos subsidios que cada tipo de enerxía percibe, polo que as enerxías renovables serían as máis prexudicadas.

O colectivo cre as empresas recuperarán a taxa do 4% na súa totalidade a través do incremento de prezos, polo que ao cabo quen realmente pagará este impuesto serán os consumidores

Horas máis tarde José Manuel Soria, ministro de Industria, detallou a proposta do goberno, consistente nunha taxa do 4% para todas as tecnoloxías do réxime ordinario (nuclear, hidráulica e ciclos combinados a gas), un tipo do 11% para a enerxía eólica e do 19% para a fotovoltaica. Ademais, anunciábase unha taxa adicional para a enerxía nuclear (10 euros por MGW xerado) e a hidroeléctrica (15 euros por MGW xerado). As empresas criticaron o plan de inmediato, alegando que as prexudicaba, e o xoves caeron con forza na bolsa. A medida podería aprobarse no Consello de Ministros deste venres, pero non parece probable polas discrepancias que parecerían existir entre o Ministerio de Industria e o Ministerio de Facenda.

Supostamente a medida tomábase para beneficiar os consumidores (segundo Soria, de non aplicarse o recibo da luz subiría un 80%), pero o colectivo Economistas frente a la crisis cre que terá consecuencias opostas ás inicialmente consideradas, e que as grandes empresas serán as beneficiadas, a excepción das dedicadas á produción de enerxías renovables. O colectivo cre as empresas recuperarán a taxa do 4% na súa totalidade a través do incremento de prezos, polo que ao cabo quen realmente pagará este impuesto serán os consumidores. Economistas frente a la crisis cualifícao, logo, de "imposto claramente inflacionista que terá como destino pagar esas mesmas empresas".

Todo parece indicar que a medida irá acompañada dunha prolongación da licencia de explotación das centrais nucleares por outros dez anos, un tempo no que as empresas terán uns beneficios de máis de 15 mil millóns de euros

En canto ao imposto aplicado ás centrais nucleares, non poderá ser repercutido no preo final, polo que en principio suporía unha diminución das marxes de beneficio destas empresas. Porén, todo parece indicar que a medida irá acompañada dunha prolongación da licencia de explotación das centrais nucleares por outros dez anos, un tempo no que as empresas terán uns beneficios de máis de 15 mil millóns de euros, moi superiores aos 7500 millóns que terán que pagar por este imposto. Pan para hoxe e fame para mañá, polo tanto, para o Estado. Algo semellante pasa coas centrais hidroeléctricas, ás que se lles prolongaría uns vinte anos as concesións. Deste xeito, o Estado estaría renunciado a percibir 21.400 miilóns de euros, que sería o valor desas concesións sacadas a subasta.

 

Prexuízos para as renovables

Xunto cos consumidores, os grandes prexudicados serían as empresas dedicadas á produción de enerxías renovables, gravadas cun 11% (vento) e un 19% (sol) adicionais

Xunto cos consumidores, os grandes prexudicados serían as empresas dedicadas á produción de enerxías renovables, gravadas cun 11% (vento) e un 19% (sol) adicionais. Porén, dado que estas tecnoloxías reciben unha tarifa fixa, a taxa non poderá ser traspasada aos prezos finais, polo tanto neste caso si que o imposto só limitará os beneficios das empresas. 

Economistas frente a la crisis afirman que estas tecnoloxías teñen uns custos variables moi próximos a cero polo que carecen de capacidade para axustar os seus custos á diminución que estes impostos supoñen sobre os seus ingresos. O colectivo denuncia que "o efecto destes impostos é confiscatorio porque non se aplica sobre marxes senón sobre ingresos presentes e futuros" e cualifica a medida "extrema retroactiva de primeiro grao e por conseguinte, inconstitucional".

España é un dos países da UE no que a electricidade é máis cara CC-BY La.Blasco
Parque eólico © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.