Non tardou moito en presumir o PP da vitoria electoral en Galicia para intentar xustificar as súas políticas de recortes. Segundo fontes que cita Europa Press, Mariano Rajoy cre que a maioría absoluta "referenda" as decisións do Goberno central, algo que deixou claro logo dunha xuntanza cos deputados galegos no Congreso. Alí mesmo, durante o debate dos Orzamentos Xerais, o ministro de Economía, Cristóbal Montoro, non agardou nada para sacarlle o tema a Alfredo Pérez Rubalcaba, secretario xeral do PSOE, consciente de que daba onde doía.
"Os galegos non votaron a favor do recorte das bolsas, das pensións ou do desemprego, e se o interpretan en sentido contrario, alá vostedes"
Pero o líder socialista instou o Goberno a non interpretar a vitoria de PP en Galicia como un "cheque en branco" para a súa política de recortes: "Os galegos non votaron a favor do recorte das bolsas, das pensións ou do desemprego, e se vostedes o interpretan en sentido contrario, alá vostedes".
Na súa segunda quenda de palabra, Rubalcaba confesouse "preocupado" porque, ao seu xuízo, das palabras do ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, dedúcese que o Executivo entenderá o resultado galego como un aval ás súas políticas e seguirá causando "sufrimento" aos cidadáns.
Rubalcaba cre que o Goberno usará o resultado electoral en Galicia para seguir causando "sufrimento" aos cidadáns
Montoro, no entanto, retrucou asegurando que os cidadáns "nunca dan un cheque en branco a ninguén", senón que "sempre dan unha cota de confianza a alguén" e iso é o que ocorreu nas eleccións galegas. O ministro de Facenda volveu a atacar a Rubalcaba coa derrota electoral do domingo e advertiulle de que "o que lle está ocorrendo ao PSOE" ten que ver coa súa "postura política" de oporse a todas as reformas "duras pero necesarias", e "dicir que non sen ningunha capacidade de diálogo e de coincidencia".
Rubalcaba ignorou os ataques do ministro ao fío do resultado electoral e limitouse a defender que o seu discurso económico é o mesmo que mantiveron os seus compañeiros galegos na campaña electoral autonómica. Ademais, avisou ao Executivo de que "o problema é de herdeiros, non de herdanza", e das políticas do Goberno, cuxo resultado, dixo, é "crear sufrimento".
Rubalcaba acusou a Montoro de carecer de "sensibilidade social", e o ministro desprezou o argumento: "Brillante tese para a crise que vivimos, isto é o mellor que é capaz de ofrecer o señor Rubalcaba, o debate sobre a miña suposta sensibilidade social".
No mesmo debate, Montoro arrancou as risas e burlas de moitos deputados logo de que asegurase que os Orzamentos de 2012 "son os máis sociais da democracia". Ante tal afirmación, que as cifras desmenten claramente, Rubalcaba contestou que prevé "máis axustes e máis perdas de dereitos" e lembroulle que o presuposto "é ineficaz e profundamente antisocial".
Ademais, Montoro asegura que España cumprirá o obxectivo de déficit, lembra que o aumento do IVE mellorou a recadación e que o ano 2013 será o último con recesión en España. Para Rubalcaba, os Orzamentos "xa nacen mortos" ao ser unhas contas ás que non dá credibilidade ningún experto nin organismo económico.
"Estes orzamentos non son cribles e non só non son os máis sociais, senón os menos sociais de todo o periodo de crise e crearán máis recesión", esta frase, pronunciada por Rubalcaba, foi repetida por outros voceiros no Congreso como Cayo Lara (IU), que se preguntou "como non vai saír a xente á rúa", ou Duran i Lleida (CiU), que recriminou ao Executivo a falta de diálogo coa oposición.