Stelios Kouloglu (Atenas, 1953) é un coñecido xornalista grego. Analista político e correspondente de guerra, adquiriu popularidade con algún dos seus documentais, que lle valeron o alcume do Michael Moore heleno. Kouloglu é agora europarlamentario de Syriza, o partido que goberna en Grecia. No medio dun enfrontamento aberto entre o executivo de Alexis Tsipras e os seus acredores da troika (O Fondo Monetario Internacional, o Banco Central Europeo e a Unión Europea) e con parte da prensa anglosaxoa liberal advertindo do risco de quebra en Grecia, Kouloglu visitou España, convidado por IU para protestar contra o TTIP.
Como é a crise grega?
Algúns exemplos. 300.000 fogares non teñen electricidade, só o 10% dos parados teñen acceso á sanidade da seguridade social, o desemprego entre os mozos é mesmo maior que en España, o 60%, e a fuga de talento, de xente formada polo Estado que emigra, é tremenda. Agora, tras as eleccións, a economía está paralizada pola chantaxe da troika, que nos ameaza constantemente coa saída do euro.
"A economía está paralizada pola chantaxe da troika, que nos ameaza constantemente coa saída do euro"
Cal é a responsabilidade de Grecia na súa actual situación?
A crise é culpa da corrupción e dos erros dos políticos gregos e do pobo por votarlles, pero cando a crise de 2008 estoupou, a austeridade imposta foi terrible, moi superior á doutros países de Europa. Utilizouse Grecia como un rato de laboratorio e as medidas forzadas foron catastróficas, como mesmo recoñece o goberno dos Estados Unidos.
Como quere Syriza relanzar Grecia?
As nosas medidas non son radicais, nin tan sequera moi de esquerdas, son puro keynesianismo. Simplemente dicímoslles aos nosos acredores que un moribundo non pode facer fronte ás súas débedas. Acaben coa austeridade, presten diñeiro aos poucos e Syriza fará, privatizacións incluídas, as reformas que necesita o país, non as que quere a troika: recortes en pensións e os soldos dos funcionarios e facilitar os despedimentos masivos desregulando o mercado de traballo. Necesitamos tempo e non nolo queren dar.
"As nosas medidas non son radicais; se acaban coa austeridade, faremos as reformas que precisa o país, non as que quere a troika"
Por que a troika teima no mesmo?
Este non é un problema económico. As diferenzas entre as chamadas institucións [FMI, BCE e UE] e Grecia son de apenas 2.000 millóns de euros. O novo edificio do BCE en Francfort custou 1.000. O problema é político, porque teñen medo: se Syriza triunfa outros países como España seguirán o noso camiño. Este é un golpe de estado con armas modernas que persegue un cambio de goberno. E se triunfa, haberá unha traxedia.
"O problema non é económico, senón político: teñen medo de que triunfe Syriza porque outros países como España seguirían o noso camiño"
Grecia está acendida contra Alemaña...
Berlín sabe que as políticas implementadas son incorrectas, pero como poder hexemónico non quere aceptar que se equivoca. Ademais, gaña diñeiro coa crise. O euro está débil, o que favorece a unha economía exportadora como a súa e finánciase moi barato, mesmo a tipos negativos, nos mercados de bonos internacionais.
Por que todos os países da UE apoian a Alemaña?
Todos teñen gobernos conservadores, temen a Alemaña e séguena con disciplina estalinista.
"Non queremos saír do euro, pero se tempos que elixir entre pagar as débedas ao FMI ou as pensións e os salarios dos funcionarios, témolo claro"
Nos últimos días o FMI e Alemaña subiron o ton contra o goberno grego. Contempla Syriza a saída do euro?
Non queremos, como dixemos no programa electoral, pero se temos que elixir entre pagar as débedas ao FMI ou as pensións e os salarios dos funcionarios, témolo claro.
A quebra e/ou a saída do euro sería terrible para a economía mundial. Tamén para Grecia.
Sen dúbida, non só desde o punto de vista económico, senón tamén político. Os gañadores desa devastadora crise serían os esbirros do ministro de economía alemán, Wolfgang Schäuble, a extrema dereita e os neonazis, que poderían formar goberno. Syriza é o último refuxio da democracia en Grecia.