Se non hai polbo en Mauritania, por que o pescan os chineses?

Barco chinés en augas mauritanas sinalado pola CIG-Mar CC-BY-NC-SA CIG Mar

A flota cefalopodeira galega leva nove meses parada. O veto á pesca de polbo en augas territoriais de Mauritania a causa da falta de acordo entre este país e a Unión Europea levounos ao cesamento forzoso da súa actividade e a súa situación, denuncian, xa é "dramática" en termos de emprego. A causa fundamental argumentada para a non renovación do pacto pesqueiro é a teórica escaseza de polbo no caladoiro. Deste argumento viñan dubidando os representantes do sector e fano máis aínda tras as imaxes e informacións reveladas pola CIG-Mar sobre a presenza de barcos chineses faenando na zona.

O responsable do sector do Mar da central sindical nacionalista, Xabier Aboi, coida que os datos dos que dispón a CIG deixan claro que "a expulsión da flota galega non foi por un problema de esgotamento dos recursos, tal e como pretenden facerlle crer á opinión pública", senón unha cuestión puramente política e económica. A propia Secretaría Xeral de Pesca do Goberno de España, di Aboi, confirmoulle ao sector que "a flota cefalopodeira chinesa volve faenar no caladoiro do país africano, o que demostra que a expulsión dos nosos barcos" non é cuestión de recursos.

Un informe do Instituto Oceanográfico Español "recolle que se podería duplicar a cota de pesca", di Aboi

"Se non hai polbo, como din", di Aboi, non sería posible a "sinatura de novos contratos de explotación" do cefalópodo entre Mauritania e China que vén de recoller a prensa mauritana. Ben ao contrario, afirma, estes acordos veñen ratificar a tese non só do sector pesqueiro galego, senón tamén do Instituo Oceanográfico Español, que nun informe "non só non fala de escaseza" de polbo na zona, "senón que recolle que se podería duplicar a cota de pesca e pasar de 30.000 a 60.000 toneladas anuais".

Esta presenza da flota chinesa na zona prodúcese ademais sen que teña que pasar "os mesmos controis que se lles aplicaban aos galegos". "Están a incumprir requisitos como que o 60% da tripulación ten que ser mauritana ou os investimentos en terra", isto, di Aboi, "por non falar dos barcos-chatarra que faenan nesas augas e dos que temos fotografías". Nun sentido semellante, revela, a prensa mauritana tamén se fai eco da "recente incautación, a bordo dun barco chinés, de grandes cantidades de aves conxeladas destinadas a consumo humano". Concretamente trátase de "mascatos, unha ave protexida en Europa que é etiquetada como peixe para evitar que sexa requisada polas autoridades marítimas".

"A Xunta, ademais de non enterarse de nada, non move un dedo para reunirse co Goberno mauritano"

 "Non poñemos en cuestión ao soberanía de Mauritania sobre as súas augas", aclara Aboi, pero "se lles sobra unha pesquería pola que a UE pagou 70 millóns de euros, polo menos que se faga uso dela". Por este motivo, di, os afectados e afectadas pola expulsión da flota galega van "presionar os eurodeputados e eurodeputadas que non se posicionen na defensa dos intereses galegos na comisión de pesca do Parlamento Europeo", que se celebrará a finais de maio. Mentres, a Xunta, "ademais de non enterarse de nada, non move un dedo para reunirse co Goberno mauritano, porque lle teñen que pedir permiso a Madrid".

Aboi amosa imaxes dos barcos chineses CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.