"Se os produtores de leite non nos unimos, tamén seremos culpables da crise do sector"

José Luis Antuña, director xeral de Feiraco © Coop. Agroalimentarias

Feiraco non nota tanto a crise. A gran sociedade cooperativa galega rematou 2012 con 104,7 millóns de euros de facturación, un 2,5% máis que o ano anterior, malia un “contorno de mercado difícil” e traballar nun sector lácteo tan golpeado pola situación económica. Malia iso, obtén un millón de euros neto de beneficio, reduce gastos e amortiza débeda. José Luis Antuña, director xeral da compañía desde 2005, explica as claves destes bos resultados.

Son a nosa obriga e é para o que nos contratan os socios. Estamos en liña cos números de anos anteriores, pero seguir crecendo, gañar cota e aumentar resultados é unha magnífica oportunidade nestes tempos, iso é certo.

"Os nosos problemas viñeron xa en 2004 e foi aquilo o que nos fixo máis eficientes ante a crise"

Cal é o segredo?

Os nosos problemas viñeron xa en 2004 e 2005, cando renegociamos a débeda, e a partir daquela aplicamos un modelo de eficiencia e austeridade que nos permite que non percibamos a crise como os demais, xa que a nós vénnos de moito máis atrás. Isto fainos ser máis eficientes e que a nosa xestión sexa axustada en custos e mellorando en eficiencia día a día.

Pero o sector lácteo pasa por unha grave crise, que é o que lle ocorre?

Estamos nun sector que está desestruturado. O prezo constrúese cara a atrás desde o punto de venda, onde se dan uns prezos moi baixos que a distribución utiliza como impulsor de venda. Cando xorden tensións de custos, como os do pasado ano, e non podemos repercutilos nos prezos de venda, o produtor ten serios problemas.

Cre que se están a buscar solucións axeitadas?

Estanse poñendo en marcha medidas e ferramentas, como o paquete lácteo ou os contratos obrigatorios, que poderían modificar esta tendencia negativa. Non existe razón ningunha para que a través desta tremenda presión que se xera desde a distribución desaparezan produtores que, sendo eficientes e cun bo modelo, non son capaces de aguantar a crise por ter un alto endebedamento.

"O sector está mal organizado; produtores e cooperativas debemos unirnos para negociar conxuntamente"

Chegarán a bo porto os acordos entre Xunta e produtores?

Nós, que pedimos todos os días na rúa que o Goberno cambie de actitude, tamén temos que cambiar. Debemos formar organizacións de produtores que teñan dimensión suficiente como para negociar nun modelo máis simétrico coa industria, e a industria coa distribución. Isto é o que hai que poñer en marcha. Cónstame a boa vontade da Xunta e do Ministerio de Agricultura, pero todo isto porase en marcha se os produtores de leite e as cooperativas nos organizamos conxuntamente para repercutir os nosos custos nos produtos que vendemos.

Está o sector lácteo galego moi atomizado?

Eu diría que, sobre todo, está mal organizado. Se se negociase de maneira conxunta, seriamos capaces, non de cambiar mañá mesmo, pero si de ter contratos nos que indexar os nosos custos aos prezos de venda. Por moitas voltas que lle deamos, non pode ser que como consecuencia desta presión do sector da distribución desaparezan milleiros de gandeiros que non serían recuperables no futuro.

Hai milleiros de explotacións gandeiras en perigo...

Claro que si, pero non ten nada que ver o prezo que se paga hoxe polo leite co que se pagaba en agosto, nin ten que ver nada o prezo que se paga hoxe polos pensos co que se pagaba en agosto. De media, o leite subiu un 10% e o dos pensos baixaron entre un 10 e un 15%. Tamén é verdade que non podemos ter esta sensación permanente de crise porque durante un ou dous meses se produzan tensións. Hai que facer proxeccións a máis longo prazo e o produtor terá que entender que é un empresario, que ten que ter unha estrutura financeira axeitada e que terá que plantexarse ser eficiente, pero que non se lle pague por debaixo do que lle costa producir, senón que se lle pague xustamente.

"Se non fomentamos a asociación para ter máis forza nas negociacións, tamén seremos culpables dos nosos malos resultados"

A situación nunha gran cooperativa como Feiraco é moi distinta, non si?

Aquí todo depende da nosa xestión. Nunha cooperativa, os socios participan na cadea de valor e chegan ata a distribución, porque temos industrialización e comercialización propia, pero seguimos tendo unha dimensión moi pequena. Xa nos gustaría parecernos ás cooperativas do norte de Europa. En Galicia temos o 25% do leite dos produtores agrupados en cooperativas e que industrialice e comercialice só queda Feiraco. En Dinamarca ou Holanda, máis do 80% do leite dos gandeiros comercialízase a través de cooperativas. Se non fomentamos asociarnos para participar na cadea de valor e ter máis forza na capacidade de negociación, seremos tamén culpables dos nosos resultados.

Este asociacionismo e cooperación precisa dun impulso das administracións públicas?

É un traballo de todos, pero depende bastante da actitude que teñamos para afrontar o modelo. Se os gandeiros non están asociados en Galicia, terá que ver cos resultados dos modelos de asociación, pero pensemos que en Galicia hai 25 cooperativas primeiras compradoras ou que recollen leite e isto non ten sentido ningún. Xera ineficiencia, maiores custos... Estamos dando pasos, pero imos moi amodo. Pensemos que os que están diante de nós, a distribución e o consumidor, van moito máis rápido. Se non nos damos présa, en 2015, cando teñamos un mercado sen cotas, a dificultade para competir será moito maior.

"En Galicia hai 25 cooperativas que recollen leite e iso non ten sentido ningún porque xera ineficiencia"

Sempre asegurou que Galicia precisaba máis terras útiles para as súas explotacións gandeiras e esa é outra das reivindicacións dos produtores.

A vantaxe competitiva na cornisa cantábrica está baseada na produción propia de forraxes, pero o que ocorre é que se temos moita intensificación, moita carga gandeira por hectárea e ao final as forraxes son poucas e moito máis dependentes da alimentación externa. Isto lévanos a que sexa a volatilidade da Bolsa de Chicago a que determine os prezos de custo. En Galicia temos centos de milleiros de hectáreas que están improdutivas e os poderes públicos teñen que dar un paso. Parece que están traballando niso, pero este non é un proceso para unha lexislatura, senón para unha xeración. Ter terra útil, unir gandeiros que exploten esa terra, que teña uns prezos axeitados... Será o futuro da produción de leite en Galicia. A nosa maior debilidade é que non temos máis alternativa porque aquí non temos outra opción que non sexa a produción de leite, por iso ten tanto peso na nosa economía e no asentamento da poboación. Estamos falando dun problema socioeconómico.

Está garantido o relevo xeracional nas explotacións gandeiras?

O primeiro que temos que facer é poñer en valor o prestixio social de ser gandeiro ou produtor de leite. A cultura histórica era a de que os fillos máis preparados saían e o que quedaba na casa non era o máis preparado, pero isto está cambiando. Isto tamén ten que ver moito coa disponibilidade de tempo e a unión e colaboración. Cando conseguimos que varios gandeiros se unan e poidan dispor de fins de semana libres, non é o mesmo que cando un só ten que ocuparse da explotación todos os días do ano. A continuidade terá que ver con esta colaboración, coa renda que se xere... Se non temos autosuficiencia en alimentación e gandeiros producindo leite, tampouco poderemos vivir nas cidades.

"Hai xente que busca un litro de leite a 50 céntimos pero paga un euro por un refresco de cola; esa é a cultura de consumo que temos"

Pero o mundo rural tamén precisa de servizos públicos, de políticas públicas para que non esmoreza...

Pero seguramente houbo máis avances nos servizos públcios no rural que noutros aspectos como esa estima social ou esa capacidade de unirse ou a garantía do traballo no campo. Se todos os días lemos que o campo non ten futuro, é difícil que alguén lle teñe estima e teña proxectos de futuro ligados a el.

Como está afectando a crise ao consumo de leite?

Hai cambio de hábitos de consumo, sobre todo. Hai un gran crecemento dos lácteos máis baratos e das marcas do distribuidor e isto ten que ver co proceso de banalización e de utilización do leite como elemento promocional constante. Así percíbese o leite como un produto promocional e iso ten que cambiar. O leite é un produto de gran valor na alimentación e temos que recuperar esta visión a través de campañas de publicidade e de prestixio... Ningún produto, polos 60, 70 ou 80 céntimos que costa o leite, achega todo ese valor alimenticio. Hai consumidores que buscan un litro de leite de 50 céntimos e logo compran refrescos de cola a un euro. O concepto de aforro na crise tamén ten que ver coa cultura de consumo que temos.

Sede de Feiraco © Feiraco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.