Se saio ao estranxeiro... quítanme o paro?

Oficina de emprego Dominio Público Praza Pública

Rajoy nin o mencionou na súa comparecencia ante o Congreso dos Deputados. Soraya Sáenz de Santamaría pasou por riba do asunto ao informar dos asuntos tratados no Consello de Ministros. O sábado, o BOE veu inzado de sorpresas e algún confidencial de internet e as redes sociais fixeron o resto. No medio da confusión que supón atopar un Real Decreto-lei de máis de cen páxinas co maior recorte da democracia, tras o venres de dores o pasado sábado foino de sobresalto e de fondísima preocupación para moitas das máis de cinco millóns de persoas en situación de paro de todo o Estado, case 300.000 en Galicia. O ruxerruxe de que o Goberno central se dispuña a retirarlle a prestación por desemprego, "o paro", a todo aquel que saíse ao estranxeiro aínda que só fose por un día estendeuse moi rápido e só uns poucos se detiveron a ollar na disposición oficial. É certo que o Ministerio de Emprego recorta, restrinxe e endurece as condicións de deste subsidio? Si. Pero, é certo que lle será retirado a quen saia das lindes estatais? Non.

O veto ás saídas ao estranxeiro cínguese a quen perciba a renda activa de inserción, que ten case 240.000 beneficiarios en todo o Estado

A modificación normativa, que ademais de medo tamén xerou unha fervenza de chanzas -por exemplo, a través do hashtag de Twitter #pierdeselparo- non está relacionada co conxunto das prestacións por desemprego, senón que se cingue a unha moi concreta: a renda activa de inserción, un subsidio destinado a persoas maiores de 45 anos que leven "inscritas ininterrompidamente" como demandantes de emprego "durante doce ou máis meses" e carezan "de rendas, de calquera natureza, superiores en cómputo mensual ao 75% do salario mínimo interprofesional". A estas condicións, fixadas nun Real Decreto do ano 2006, engádense agora outras. É aquí, precisamente, onde se atopa a cuestión de saír ao estranxeiro. Segundo vén de fixar o Ministerio de Emprego, "durante a inscrición como demandante de emprego", quen perciba esta renda de inserción debe "buscar activamente emprego, sen rexeitar oferta adecuada nin negarse a participar, salvo causa xustificada, en accións de promoción ou reconversión profesional ou outras para incrementar a ocupabilidade". "A saída ao estranxeiro, por calquera motivo ou duración, interrompe a inscrición como demandante de emprego a estes efectos". Polo tanto, este lategazo non é para todas as persoas en situación de desemprego, senón só para as case 240.000 que perciben a devandita renda de inserción en todo o Estado.

Restricións para as prestacións ordinarias

Así e todo, o feito de que ese rumor non sexa verdade non é sinónimo de que non haxa novas e importantes restricións para quen busca un emprego e recibe unha prestación pública. Ademais da anunciada redución da contía dos subsidios, que quedan no 50% da base reguladora a partir do sétimo mes, o departamento que dirixe Fátima Báñez disponse a efectuar unha marcaxe férrea a quen perciba unha prestación. Así, por exemplo, o "incumprimento da obriga de presentar, nos prazos establecidos, dos documentos que lles sexan requeridos" poderá dar lugar "a que pola Entidade Xestora -oficina de emprego ou entidade privada, en virtude da reforma laboral- se adopten as medidas preventivas necesarias, mediante a suspensión cautelar do abono das prestacións". O pagamento reanudaríase cando "comparezan acreditando que cumpren os requisitos legais establecidos".

O Ministerio non especifica que tipo de incidios son "suficientes" para a retirada da prestación por desemprego

Pero non é esta a restrición máis aberta e, polo tanto, máis preocupante para a cidadanía que subsiste grazas á achega da Administración pública en concepto de desemprego. As propias "Entidades Xestoras" poderán tamén "suspender o abono das prestacións por desemprego" cando detecten "indicios suficientes de fraude no curso das investigacións realizadas polos órganos competentes en materia de loita contra a fraude". O Ministerio non especifica que tipo de indicios son eses nin cando se considera que son "suficientes", deixandolle así unha importante marxe á arbitrariedade.

Nun sentido semellante, Emprego introduce mediante o Real Decreto-lei cuestións a priori obvias, como a necesidade de "proporcionar a documentación e información que regulamentariamente se determine a efectos do recoñecemento, suspensión, extinción ou reanudación do dereito ás prestacións", así como a obriga de "comunicarlles aos Servizos Públicos de Emprego autonómicos e ao Servizo Público de Emprego Estatal" o enderezo "e, no seu caso, o cambio de enderezo" facilitado "a efectos de notificacións". "Cando non quedase garantida a recepción das comunicacións", a persoa solicitante "estará obrigada a proporcionar os datos para que a comunicación se poida realizar por medios electrónicos", que de agora en diante se considerarán "documento suficiente para que o Servizo Público de Emprego Estatal inicie o procedemento sancionador que corresponda".

Outros dos datos incluídos na reforma e obviados por Rajoy e Sáenz de Santamaría nas súas comparecencias refírense ao endurecemento do réxime sancionador neste ámbito, coa estipulación de novas obrigas e posibles infracións. Neste sentido, quen perciba unha prestación deberá "acreditar, cando sexa requirido para isto" as "actuacións que efectuou dirixidas á busca activa de emprego, a súa reinserción laboral ou a mellora da súa ocupabilidade". "Esta acreditación efectuarase na forma en que estes organismos determinen no marco da mutua colaboración" e a "non acreditación terá a consideración de incumprimento do compromiso de actividade" e, polo tanto, a perda da prestación.

Fátima Báñez, ministra de Emprego © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.