Segue o suicidio demográfico: Galicia mingua e envellece

Poboación galega 2002-2012 Fonte: INE CC-BY-SA Praza Pública

Galicia vai vella e empequenece. Nin as xenéricas apelacións de Manuel Fraga a obviar os métodos anticonceptivos para incrementar o número de fillos por muller, nin os plans de reequilibrio territorial do bipartito. Tampouco as subvencións a asociacións ultraconservadoras e defensoras da natalidade pola vía do veto ao aborto nin as reflexións da comisión parlamentaria para a reactivación demográfica. Polo momento non surtiu efecto ningunha das accións gobernamentais e administrativas para deter o que diversos expertos teñen denominado xa o "suicidio demográfico" de Galicia, un fenómeno que os últimos datos estatísticos dispoñibles non fan máis que confirmar. En tan só un ano, de xullo de 2011 ao presente mes, a poboación galega diminuíu en 11.508 persoas, deixando o cómputo total en 2.720.467 habitantes.

Pero se a diminución interanual é preocupante, máis aínda o é ao botar un chisco a vista atrás, por exemplo, cara aos últimos dez anos, período no que o país perdeu 26.736 persoas, segundo datos do INE, tendo en conta ademais que nos primeiros anos do período analizado correspondían aínda a un tempo de bonanza económica, con notable chegada de persoas inmigrantes dende o estranxeiro. Así e todo, para completar o cadro cómpre tamén atender a outra variable esencial, a da idade. E nesta Galicia tampouco sae ben parada, non en van as 613.000 persoas maiores de 65 anos representan xa un 22,6% da poboación.

A poboación galega diminuíu en 11.500 persoas no último ano e os maiores de 65 anos xa superan aos menores de 25

O envellecemento da pirámide demográfica galega é tamén evidente á luz dos mesmos datos do propio INE. A comezos de 2002 vivían en Galicia 563.854 persoas que sobrepasaban os 65 anos e os habitantes que superaban os 100 anos eran testemuñais, tan só 57 persoas, segundo os datos oficiais. Dez anos despois superan a que antes era idade de xubilación 50.000 persoas máis e 889 galegos e galegas viviron xa máis dun século enteiro.

O dato oposto a ese notabilísimo avellentamento é posible atopalo na outra banda da pirámide, a da xente máis moza. Neste caso, os números non deixan de baixar. Así, en xaneiro de 2002 o INE rexistraba 680.968 persoas de entre cero e 25 anos. Daquela aínda superaban, polo tanto, aos maiores de 65. O datou mudou sensiblemente nestes anos e o último dato dispoñible, o deste mesmo mes de xullo, revela que non chegan ao cuarto de século 558.963 persoas, isto é, o 20,5% da poboación. O único -e escaso- indicador que convida á unha relativa esperanza é o rexistro de nenos e nenas menores de catro anos. A comezos de 2002 eran 94.917 e na actualidade son 110.502, se ben este dato, despois de tocar teito en xaneiro de 2011, leva varios meses volvendo a descender.

Fonte: INE CC-BY-SA Praza Pública
Fonte: INE CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.