Seis de cada dez fogares galegos chegan con dificultade a fin de mes

Cartel sobre a crise, na pasada folga xeral CC-BY-NC-SA BNG

A denominada crise económica pálpase nas rúas e tamén nas contas cotiás dos fogares. O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de completar as táboas das súa enquisa conxuntural de fogares correspondente ao pasado 2012 e a radiografía non é, por agardada, menos reveladora. Algo máis de seis de cada dez familias galegas, concretamente o 61,37%, declararon no derradeiro trimestre do ano que chegan a fin de mes "con dificultade" ou "con moita dificultade", un indicador que sobe máis de dez puntos porcentuais a respecto do comezo do mesmo exercicio económico.

Ao contrario do que viña acontecendo noutros anos, cando a progresión destas cifras era máis irregular, en 2012 as dificultades económicas da familias de Galicia non deixaron de aumentar, segundo o IGE. Así, a suma dos fogares "con dificultades" e "con moitas dificultades" para chegar a fin de mes chegaba ao 47,6% a comezos do pasado ano, rematou o segundo trimestre no 52,75%, en setembro situouse xa no 54,54% e, finalmente, chegou a finais de decembro no devandito 61,37%.

Os fogares "con moitas dificultades" para chegar a fin de mes aumentaron máis de dez puntos porcentuais durante 2012

Os datos do IGE amosan ademais que o maior incremento se produce nos fogares que declaran ter "moitas dificultades" para facer fronte aos seus gastos ordinarios. Así, mentres que a resposta "con dificultade" se mantivo arredor do 41% na maior parte do ano, chegando ao 44% no seu remate, os fogares "con moita dificultade" económica comezaron 2012 no 6,50% e rematárono máis de dez puntos por riba, no 17,26%. Mentres, os fogares dende os que se di chegar a fin de mes "con facilidade ou con moita facilidade" experimentan unha caída sostida: 52,40% no primeiro trimestre, 47,25% no segundo, 25,46% no terceiro e 38,63% no cuarto.

Neste contexto de restricións económicas o IGE analiza tamén as medidas adoptadas polas familias para reducir gastos. A finais de 2012 o 31,67% sinalaba que cambiou "os seus hábitos de compra", optando por produtos máis baratos. O 36,28% diminuíu "outros gastos comúns, como roupa e calzado ou transporte" e o 4,26% optou por que "algún dos membros do fogar se puxese a traballar ou aumentase a xornada de traballo". Mentres que estes indicadores descenderon ao longo do pasado ano o que rematou cun repunte foi o daqueles fogares que recibiron "axuda económica de familiares ou amizades", situados no 10,22%.

 

Cartel sobre a crise, na pasada folga xeral CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.