Seixo chama ao "fortalecemento" da CIG para "mudar a correlación de forzas desfavorable á clase traballadora"

Primeira xornada do Congreso da CIG © CIG

A CIG aprobou cunha ampla marxe o Informe da Executiva Confederal na primeira xornada do seu VI Congreso. O documento recibiu 430 votos a favor, 5 en contra e 61 abstencións. O secretario xeral, Suso Seixo, denunciou na súa intervención que "as políticas que se están a promover fronte a crise, desde as institucións", teñen como obxectivo “afondar no modelo de capitalismo neoliberal; incrementar os beneficios do capital, pola vía da transferencia de recursos públicos e rendas do traballo; desmantelar o chamado estado do benestar, desregular as relacións laborais e deixar á clase traballadora e ás súas organizacións de clase nunha situación de debilidade fronte a burguesía”.

Seixo afirmou que a explosión desta crise económica e financeira é “a punta do iceberg” dunha crise máis profunda que afecta globalmente ao propio sistema capitalista e que se pon de manifesto tamén noutros ámbitos, entre os que salientou “a crise político-institucional, a crise alimentar, a crise enerxética, a crise climática e medioambiental ou a crise ideolóxica”. Denunciou tamén a especulación coa débeda pública “consentida pola Comisión Europea e o Banco Central, en beneficio da banca, especialmente da alemá”. Unha situación que está levando aos estados da periferia de Europa, “a unha situación practicamente de quebra”, e que afecta de forma “máis dura” aos Estados da UE que pertencen á Eurozona.

O secretario xeral da CIG denunciou que todo isto estase a facer “baixo a dirección política e ideolóxica da dereita europea, coa inestimábel colaboración da socialdemocracia, é dicir, o PP e o PSOE, respectivamente, no caso do Estado español”. Salientou ademais as consecuencias “devastadoras” das políticas do PP en Galicia, que teñen provocado un peche continuado de empresas e as cifras de desemprego máis altas da nosa historia e fixo especial fincapé na destrución do noso sector industrial. A isto engadiu o “auténtico drama” que supón a emigración dun total de 77.000 galegos e galegas menores de 35 anos, nos últimos catro anos.

A CIG aposta por unha reforma do sistema fiscal para que pague máis quen máis ten e por un incremento significativo do investimento público para reactivar a economía ou canalizar axudas á pequena e mediana empresa

Respecto das alternativas defendidas pola central sindical, Seixo sinalou desde a demanda dunhas políticas fiscais diferentes “onde pague quen máis ten”, até a exixencia de combater a fraude fiscal, “que ademais sábese quen a comete: as grandes empresas e a banca”. Xunto a iso, subliñou que a CIG aposta por unha reforma do sistema fiscal para que pague máis quen máis ten e por un incremento significativo do investimento público para reactivar a economía ou canalizar axudas á pequena e mediana empresa, que, lembrou, “é a verdadeira xeradora de emprego e está a ter graves problemas de liquidez porque a banca non lle fai préstamos e os que lle fai son a uns xuros realmente abusivos”.

Seixo concluíu que “as solucións a isto non van vir de movementos espontáneos por moi grande que sexa o seu grao de indignación” e que “a indignación ten que se canalizar a través da organización”

Seixo concluíu que “as solucións a isto non van vir de movementos espontáneos por moi grande que sexa o seu grao de indignación” e que “a indignación ten que se canalizar a través da organización”. Por ese motivo chamou ao "fortalecemento do sindicato" e a "manter a vía da mobilización e contestación social" para “ir mudando, pouco a pouco, a correlación de forzas, que neste momento non é favorábel á clase traballadora, é claramente favorábel ao capital, tanto no ámbito da empresa como no ámbito das institucións"

Primeira xornada do Congreso da CIG © CIG
Suso Seixo, no Congreso da CIG © CIG
Primeira xornada do Congreso da CIG © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.