Sete de cada dez créditos morosos das actividades produtivas son da construción

Promoción inmobiliaria CC-BY-NC-ND NGB

A evolución dos créditos facilitados polas entidades financeiras nos últimos anos dá boa mostra da estratexia de crecemento económico da que botou man a economía española. A financiación das actividades inmobiliarias, tanto para a construción, venda e compra de vivendas, medrou de maneira exponencial durante os anos da chamada bonanza económica. Finiquitada a festa só quedan os restos dos excesos: bancos que son inmobiliarias, cidades pantasma, centos de miles de persoas no paro vencelladas a este sector... E agora hai que engadir ás familias, moitas delas afogadas en débedas para facer fronte ao pagamento en tempo e forma aos recibos do prestamista. Os datos reflicten que, con máis de cinco millóns de parados, os fogares priorizan o pagamento das hipotecas fronte a outros gastos -primarios ou secundarios-, tendo en conta que a morosidade das familias non chega ao 2% en relación ao total de créditos concedidos.

No ano 2003, a banca destinou case 78.000 millóns de euros ao financiamento de actividades inmobiliarias e outros 65.800 a empresas da construción. Só catro anos despois o volume de créditos concedidos a ambas superaba os 444.000 millóns de euros. Hoxe máis de 73.000 millóns dos créditos totais outorgados a esta rama de actividade son morosos. Do total de empréstitos cualificados como dubidosos, e que no seu día se destinaron para sufragar actividades produtivas (o Banco de España inclúe nesta clasificación a construción), máis do 70% están directa ou indirectamente vencellados á vivenda. É curioso comparar estes datos coa cifra de dubidosos da industria ou a hostalaría. Entre estas dúas actividades non chegan aos 10.000 millóns de euros, a peche do terceiro trimestre de 2011 (últimos datos dispoñibles).

Os fogares

A Asociación de Afectados por Embargos y Subastas (AFES) publicou o mes pasado un estudo que cifraba en 6.500 as familias galegas que perderan os seus fogares por falta de pagamento coas entidades financeiras. Pero as familias non representan, en ningún caso, un problema de solvencia severo para a banca, cando menos en comparación con outros sectores residentes. Dos máis de 1.788 millóns de euros concedidos por caixas, bancos e outros establecementos de crédito a outros sectores residentes, 794.500 millóns correspondían aos fogares (adquisición de vivenda, rehabilitación, bens de consumo...). Deles, o 3,4 están clasificados como morosos. Menos do 2% do crédito total concedido pola banca.

Se botamos man dos datos dos chamados establecementos financeiros (prestamistas con altos tipos de xuro, mais que non son bancos ou caixas), a morosidade das familias supera o 10%. Segundo datos do Banco Internacional de Pagos (BIS), a débeda bruta das familias españolas supera o 90% ratio débeda/PIB.

 

 

Promoción inmobiliaria CC-BY-NC-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.