Sete de cada dez novas empresas galegas son fundadas por homes

Xuntanza de Feijóo coa xunta directiva da patronal galega © Xoán Crespo

O "emprendemento" é unha das principais consignas emitidas polos diferentes gobernos como vía para a saída da crise económica. Neste ámbito, as administracións públicas aseguran estar poñendo especial énfase en combinar os estímulos ao inicio de actividades empresariais coa promoción da igualdade entre homes e mulleres, de aí que existan programas e liñas de axudas específicas para o denominado "emprendemento feminino". Igual que no traballo por conta allea a fenda salarial por razón de xénero permanece practicamente intacta con crise ou sen ela -as mulleres galegas cobran, de media, un 23% menos que os homes-, a creación de novas empresas está no país maioritariamente protagonizada por homes, ata o punto de que máis do 70% das novas compañías están fundadas por un ou varios homes e ningunha muller.

A través da peneira que o Instituto Galego de Estatística (IGE) realiza do Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME) é posible coñecer que, nos últimos anos, a media anual de creación de empresas está na contorna das 5.500 novas sociedades mercantís en cada exercicio. Así, por exemplo, no ano 2012 o instituto estatístico rexistrou a creación de 5.532 sociedades das cales máis de 4.000 foron creadas por homes e pouco máis de 1.500, por mulleres. Na mesma liña, en 2013 fundáronse 5.658 novas empresas e unhas 4.100 foron impulsadas por homes, mentres que, de novo, as creadas por mulleres apenas superaron as 1.500.

En 2013 fundáronse 5.600 empresas e unhas 4.100 foron creadas por homes

No que vai de 2014 a tendencia, lonxe de mellorar, permanece practicamente estancada mentres se manteñen os recortes que adoitan dificultar ou impedir a vida laboral das mulleres, como na educación, na sanidade ou na atención á dependencia. Nos primeiros cinco meses do ano fundaronse en Galicia 2.573 empresas, unhas sesenta menos que doce meses antes. A estas alturas de 2013 había case 700 empresas impulsadas por mulleres e, a 31 de maio de 2014, a cifra do agora alcumado como "emprendemento feminino" queda nas 665 novas sociedades mercantís.

Ningún sector supera o 35% de empresarias

Tan elocuente como o panorama xeral é unha observación máis detallada da creación de novas empresas, atendendo aos diferentes sectores da economía galega, onde ningún deles supera o 35% de empresariado feminino. O sector con maior número de fundadoras de empresas é o de "servizos a empresas e outras actividades de servizos", onde no último ano case o 33% das compañías foron creadas por mulleres. A continuación sitúanse as actividades do sector inmobiliario, no que o 32,5% das empresas creadas en 2013 foron impulsadas por mulleres e o 67,5% restantes, por homes.

Só dous sectores económicos superan o 30% de novas empresarias

Na banda contraria sitúanse dous ámbitos da economía tradicionalmente masculinizados, caso por exemplo dos transportes ou a agricultura, nos que as sociedades mercantís creadas por mulleres quedan no 20% do total. Unhas cifras semellantes son as que presenta o sector da construción, cun 22% de empresarias, ou o da industria e da enerxía, onde o peso do empresariado feminino non chega nin ao 25%. A banca e os seguros, a hostalería e o sector de comercio e reparacións tampouco supera o 30% de mulleres na creación de novas empresas.

Xuntanza de Feijóo coa xunta directiva da patronal galega © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.