Setenta nomes galegos da lista de debedores con Facenda

Captura de imaxe da lista de debedores © Ministerio de Facenda

A Axencia Tributaria vén de publicar este xoves a segunda lista de morosos, coa identidade dos 4.768 contribuíntes (persoas físicas e xurídicas) que a 31 de decembro de 2015 debía máis de un millón de euros ao Fisco e a esa altura aínda non regulizaran as súas débedas pendentes. Ao igual que na ocasión anterior, Facenda publicou a listaxe só uns días despois das eleccións xerais. Pode consultarse aquí unha lista cuxa cantidade total adebedada -15.700 millóns- representa tan só un 30% da débeda total e pon en igual condición a xente que non deu pagado as súas débedas e insolventes cos defraudadores.

Non se inclúen na listaxe, por exemplo, todas aquelas persoas que acudiron á amnistía fiscal, aqueles que recorreron as sancións e aínda están pendentes de resolución xudicial ou grandes defraudadores que pagaron xa as súas sancións. Tampouco as Administracións. Ademais, tamén se exclúen grandes debedores que teñen as súas débedas aprazadas, suspendidas ou un calendario de pagos acordado, o que explica por que grandes clubs deportivos que teñen un acordo con Facenda non aparecen. 

Entre as case 5.000 persoas físicas e xurídicas aparecen máis de 70 nomes galegos cunha débeda total duns 230 millóns

Na lista aparecen varias empresas galegas e tamén algunha persoa física. En total, máis de 70 casos que suman unha débeda total duns 230 millóns de euros. Son uns 100 millóns máis que os que aparecían na anterior listaxe e tamén algún debedor máis. 

Lideran a lista galega, con moita distancia, dúas empresas que xa aparecían na anterior: Compañía Galega de Licores, con máis de 22 millóns de euros pendentes de pagamento ao fisco, e Acerías As Pontes, con máis de 21, ambas con cantidades semellantes. Ademais, moitas compañías en fase de liquidación ou xa desaparecidas, e algún club de fútbol como o CD Ourense, que xa non existe.

Desta vez, aparecen máis empresas galegas e repiten a maioría; e acumulan unha débeda maior que hai seis meses

Aparecen novas empresas e desaparecen outras, como o caso da compañía Pescanova, que non está inclúida. Están Pórtico (4,4 millóns), Blusens (4,58), Gallega de Molienda de Cliker (6,82), Metal Galicia (5,25), Montajes Industriales del Noroeste (4,38), Port Vigo SL (4,64), Mavieira (9,8), Plasticos Reguera (5,8), La Artística (4,26) ou a deseñadora Kina Fernández, a través da súa firma Volvoreta, con 1,67 millóns de débeda. Tamén Vialmar Galicia (3,7) Hierros y Laminados Añón (1,55), Autos Lobelle (1,19), Cemar (3,56), Enviroil Galicia (2,5)

No caso de Pescanova, desaparece da lista a matriz pero non filiais como Freiremar (5,74 millóns) ou Frivipesca-Chapela (1,43). Hai seis meses, tras a publicación da anterior listaxe, o grupo aclarara que xa liquidara aquela débeda e aclarou que a cantidade contraída con Facenda era "consecuencia da débeda privilexiada xurdida do concurso de acredores de Pescanova e non liquidada a data de 31 de xullo de 2015". 

Blusens, que volve aparecer, tamén aclarara naquel momento que boa parte da débeda estaba "suspendida" e que, xa que logo, non podería ser considerada como mora, polo que defendía que a empresa non debería aparecer na listaxe. 

Por outra banda, son poucas as persoas físicas galegas que aparecen. Mantéñense na lista a débeda de César Cunqueiro, de 2,45 millóns de euros, ou a de Lucía Molares Uzal (2,36 millóns), unha das farmacéuticas da rede Dorribo e á que a Xunta abrira expediente sancionador e que declarara ante os inspectores que fora enganada por este empresario. Tamén aparece o avogado Manuel Franco Argibay (que debe 1,58 millóns) e que estivera fuxida da xustiza pola colaboración cunha rede de branqueo de diñeiro procedente do narcotráfico.

O CXPX xa amosara a súa disconformidade coa publicación dunha lista de morosos, que non de defraudadores xa condenados

Ademais, unha das compañías do empresario taurino Tomás Entero, que en 2014 obtivo con outras compañías a licitación da feira taurina da Coruña e chegou a organizar a edición dese mesmo ano, debe máis de 1,2 millóns de euros á Axencia Tributaria, segundo a listaxe publicada por Facenda. Tamén aparecen Mario Conde, cunha débeda de 9,9 millóns, ou Martinsa-Fadesa, construtora con máis de 65 millóns por pagar ao Fisco. 

O Consello Xeral do Poder Xudicial xa amosara hai seis meses a súa disconformidade coa publicación desta lista, xa que non é de defraudadores, senón de morosos. En definitiva, de persoas que non puideron atender en prazo as súas débedas pero que non tiveron que ser xa condenados por isto. O CXPX consideraba ademais que deberían terse excluído as empresas en concurso e que deberían, en cambio, terse publicado as administracións públicas que están eximidas pola lei de aparecer na lista.

Cristóbal Montoro, no Congreso © Congreso dos Deputados
Captura de imaxe da lista de debedores © Ministerio de Facenda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.