A rebelión espállase. O Concello de Silleda tamén fai fronte aos bancos, tal e como relata a súa alcaldesa, a socialista Paula Fernández, que explica que o consistorio leva xa semanas tomando medidas contra o drama dos desafiuzamentos, o que provocou que paralizasen o desaloxo dunha familia da localidade da súa casa. Ás iniciativas desta vila pontevedresa uniuse esta fin de semana o Concello de Ares que a través do seu rexedor anunciou que cancelaría as contas da administración local naqueles bancos que levasen a cabo desafiuzamentos dalgún dos seus veciños.
Este mesmo luns, Vigo anunciou tamén que incluirá o desafiuzamento como causa de nulidade de contratos cos bancos e o seu alcalde, Abel Caballero, advertiu de que non vai "cooperar en ningún desaloxo de ningunha institución, moito menos da Xunta". Pola súa banda, Pontevedra, a través do Instituto Municipal de Deportes (IMD) aclarou que se La Caixa "non para os desaloxos que teña pendentes ou executa algún máis", retirará os 1,2 millóns de euros que ten alí depositados.
O pleno de Silleda aprobou unha moción na que se esixen medidas aos gobernos e a cancelación das "débedas ilexítimas" por parte dos bancos
Porque xa o pasado mes de setembro, o pleno do Concello de Silleda aprobou unha moción na que se esixía a Goberno central e Xunta de Galicia unha moratoria parcial ou total das débedas hipotecarias en caso de vivenda habitual dos afectados, así como a dación en pago. Pero houbo moito máis. Desde hai varias semanas, o consistorio pontevedrés ten esixido ás entidades bancarias que operan na localidade a paralización dos desafiuzamentos e a cancelación das "débedas ilexítimas" que lle atribúen a varios veciños baixo a advertencia de que cancelará todas as súas contas nesas sucursais se levan a cabo o desaloxo dalgún veciño da súa vivenda. "O que fixemos coa moción foi prever esa necesidade", advirte a alcaldesa.
"Non fixo falta chegar a suspender conta ningunha", explica a Praza a rexedora Paula Fernández, que explica tamén como a colaboración dos servizos xurídicos do Concello con algún veciño afectado posibilitou a marcha atrás nalgún desafiuzamento previsto. "Acordamos que o consistorio proporcionaría asistencia xurídica aos afectados de maneira gratuíta como unha maneira de intentar arranxar o problema", conta.
Silleda proporciona asistencia xurídica gratuíta aos veciños afectados para negociar coas entidades bancarias
E abofé que o conseguiron. Non hai moito, e ante a ameaza de desafiuzamento que un banco xa exercera por escrito a unha familia, os asesores xurídicos do Concello reuníronse coa entidade bancaria para reclamarlle que aplicase unha carencia dun ano na hipoteca pendente e á vista da letra pequena do contrato. "O banco atendeu a reclamación e asinou esa carencia", explica a alcaldesa, que se sente "orgullosa" do traballo feito e que advirte a outros concellos das "posibilidades" que as medidas que adopten os consistorios e a súa "presión" ofrecen ante estes dramas sociais. "Temos que ir aínda a máis porque o que temos que conseguir é ter argumentos para cando ocorran casos semellantes ou peores", explica.
O Concello de Silleda non cede policías locais para levar a cabo o desaloxo dos veciños
Non foi esta a única medida. O Concello de Silleda pediu tamén que se eiliminase o imposto municipal de plusvalía que se cobraba nalgunha hipoteca e advertiu que non poñería ningún policía local a disposición das entidades bancarias para proceder ao desafiuzamento dos veciños. Ademais, a administración local puxo en marcha un banco de emprego municipal no que os veciños ofrecen o seu currículo. O consistorio ponse en contacto con empresas e colabora na busca de emprego. Un dos veciños ameazado cun desafiuzamento ante a imposibilidade de facer fronte á hipoteca está agora traballando grazas á colaboración institucional.
"Os concellos tamén temos que traballar para que esta xente teña saída, non chega con paralizar os desafiuzamentos", explica Paula Fernández, que insiste nas posibilidades que desde pequenos concellos hai para evitar dramas sociais como a perda dunha casa e dos resultados que a "presión" institucional pode provocar nas entidades bancarias.
O alcalde de Ares anunciou o domingo que o seu Concello anularía as contas dos bancos que leven a cabo desafiuzamentos
As iniciativas do Concello de Silleda cobran máis relevancia aínda logo de que o alcalde de Ares, Julio Iglesias, anunciase este domingo que cancelará a súa conta con aquelas entidades bancarias que "decidan practicar un desafiuzamento a un veciño" deste municipio coruñés. "O Concello quere axudar, na medida das súas posibilidades, a evitar os cada vez máis frecuentes desafiuzamentos que están a practicar as entidades bancarias a familias que, pola crise económica, vense na rúa por non poder pagar a vivenda na que residen", remarcou, a través dun comunicado.
Ademais, o rexedor socialista adiantou tamén que ía remitir unha carta ás entidades financeiras nas que o Consistorio ten contas para advertirlles da súa decisión e das posibles consecuencias. Ao tempo, Julio Iglesias fai un chamamento ao resto de alcaldes para que o imiten e fagan "o mesmo" para conseguir así que os bancos "non leven a cabo estes desafiuzamentos".
A decisión do alcalde de Ares chegou tras o sucidio dunha veciña de Barakaldo xusto antes de que fora expulsada da súa casa por unha entidade bancaria e despois tamén de que o alcalde de Tenerife conseguise parar o desafiuzamento dunha veciña tras ameazar a Bankia de anular as contas que o Concello tiña na entidade madrileña.