Só algunhas rexións de España e Grecia teñen máis paro que Galicia na UE

Vista dunha oficina de emprego © Encomun.es

A recuperación económica coa que día tras día cargos do Goberno central e da Xunta enchen os seus discursos bate de novo coa realidade estatística. E nesta ocasión bate coas cifras que chegan desde Bruxelas, máis concretamente desde Eurostat, que vén de publicar os datos do desemprego por rexións na Unión Europea (UE). Son cinco territorios españois os que lideran a taxa de paro en Europa. Ocupan o top 5 por primeira vez, superando por moito o dobre da media europea (10,8%). Andalucía (cun 36,3% de paro), Ceuta (35,6%), Melilla (34,4%), Canarias (34,1%) e Extremadura (33,7%) lideran os dez primeiros postos, entre os que tamén se sitúan Castilla-La Mancha (30,1%) e Murcia (29,4%), ademais de dúas rexións da Macedonia grega e o enclave de ultramar francés da illa Reunión.

Cinco rexións españolas lideran a taxa de paro na UE; Galicia está entre as 25 primeiras das 272 nas que Eurostat divide a UE

Galicia non se afasta demasiado destes primeiros postos. Cunha taxa de desemprego do 22,1% a finais de 2013, é a 24ª rexión europea con máis paro de entre as 272 nas que Eurostat divide o continente en termos estatísticos, a 21ª de excluír os departamentos franceses de ultramar. De feito, a taxa de paro galega -inferior á media estatal (26,8%) pero máis de dez puntos por riba da da UE- tan só é superada por once autonomías españolas e oito de Grecia. A porcentaxe sitúase ao nivel do da rexión de Calabria (22,2%), no sur de Italia, o único Estado da UE no que algúns territorios se aproximan aos alarmantes datos de España, con Campania e Sicilia como únicas zonas cun desemprego que tamén supera o 20%.

En concreto, son 27 as rexións cunha taxa de desemprego superior ao 21,5% -o dobre da media europea- e case a metade (13) son españolas. Ás xa citadas uniríanselle Asturias, Castilla y León, Catalunya, Comunitat Valenciana e Illes Balears, ademais de tres departamentos franceses de ultramar e varios territorios gregos. Nada que estrañe de ter en conta que España pechou 2013 cun paro do 26%, só superado por Grecia na UE, cun 27,5%.

Tan só dez territorios españois e oito gregos superan a taxa galega de paro, ao nivel de Calabria e Sicilia

Pola contra, hai 49 rexións da UE que pecharon o ano 2013 cunha taxa de desemprego inferior ao 5,4% -a metade da media comunitaria, sendo seis territorios alemáns, dous austríacos e un da República Checa os mellor situados.

Por estados, Alemaña segue a ser quen conta con máis rexións entre as mellor situadas. 23 delas manteñen cifras por debaixo da metade da media da UE, seguidas por oito en Austria, tres en Chequia e Romanía, dúas en Bélxica e unha nos Países Baixos e en Italia.

 

A desfeita do desemprego xuvenil

En canto ao desemprego xuvenil, o Estado español sitúa cinco rexións entre as dez con maior taxa de paro entre os mozos de 15 a 24 anos. As cifras de Ceuta, cun 72,7%, son as peores da UE, seguidas das de dúasu rexións gregas, Andalucía (66,1%) e Canarias (65,3%). Extremadura (61,7%) e Castilla-La Mancha (61,6%) colócanse tamén neste negativo top ten, ao case dobrar a media europea (23,4%).

O desemprego xuvenil en Galicia só é superado por varias rexións de Italia, Grecia e España e por Madeira, en Portugal

No caso de Galicia, a súa taxa de desemprego xuvenil (50,2%) sitúaa como a 28º rexión europea das 272 nas que se divide o territorio estatístico con maior paro entre os mozos, o 25º de obviar de novo os departamentos franceses de ultramar. Tan só estes territorios, varios do sur de Italia, a Madeira portuguesa e os xa citados de Grecia e España superan os malos datos galegos. Pola contra, os länder alemáns teñen os mellores datos en canto á ocupación dos máis novos, con oito departamentos por baixo do 7% de desemprego.

Taxas de paro nas rexións europeas © Eurostat
Exterior dunha oficina de emprego © Encomun.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.