"Somos un país pesqueiro e debemos recibir o trato que como tal nos corresponde"

Foto tirada antes da reunión que Lobeira, Miranda e representantes do sector mantiveron coa comisaria de pesca © BNG

Representantes do sector pesqueiro e marisqueiro galegos, reuníronse este martes coa comisaria europea de Pesca, a grega María Damanaki, acompañados polo deputado do BNG Bieito Lobeira e a eurodeputada Ana Miranda.

Damanaki concordou tanto co BNG como co sector en que a pesca artesanal e o marisqueo deben quedar excluídos das cuotas de pesca transferibles (CPT), igualmente amosouse totalmente aberta a reformular a actual definición de pesca artesanal incluíndo novos parámetros como os que os que propón o BNG de ampliar a 15 metros de eslora a lonxitude dos barcos que poderían entrar nesta categoría e outros como a realización de mareas de ata 36 horas e o uso de artes selectivas.

Igualmente, a Comisaria Europea apoia totalmente a proposta de comercializar os produtos do mar baixo un "etiquetado con trazabilidade". "En palabras da propia Damanaki, os consumidores teñen dereito a saber se o peixe e o marisco veñen de Galicia ou de Perú, se son conxelados ou frescos e a data de captura", explicou Miranda á saída da reunión. "Somos un país pesqueiro e debemos recibir o trato que como tal nos corresponde", segundo indicou a eurodeputada Ana Miranda resumindo o sentir de tódolos participantes.

No encontro estiveron presentes o presidente da Federación Galega de Confrarías, Benito González Sineiro, o presidente do Consello Regulador do Mexillón de Galiza, Francisco Alcalde, o presidente de ASOAR - ARMEGA, Xosé Lois Rodríguez, a presidenta da Federación Galega de Redeiras, Rosa Rodríguez, o representante da federación de Mar da Confederación Intersindical Galega, Xavier Aboi e diferentes colectivos e confrarías de Galicia.

Un barco de pesca en Corcubión CC-BY-SA Greenpeace España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.