Soria garante a "competitividade" de Alcoa pero empresa e sindicatos advirten que queda moito por facer

'Cadaleito' de Alcoa, ante San Caetano CC-BY-SA Merixo

O ministro de Industria, José Manuel Soria, intentou acougar un chisco os ánimos dos traballadores logo de comprometer que o 1 de xaneiro de 2013 haberá "un sistema" que servirá para garantir a competitividade do seis plantas españolas de Alcoa, incluídas as de Galicia, na Coruña e en San Cibrao. Polo menos no que afecta os custos de enerxía eléctrica", asegurou, aínda que sen aclarar en que consistiría ese sistema.

O titular de Industria fixo estas declaracións na súa visita á planta de Cervo e logo de que  horas antes estivese reunido cos representantes da planta da Coruña. Pola súa banda, o presidente da compañía en España, José Ramón Camiño, advertiu de que aínda queda "traballo por diante" e un marco regulador que facilite a viabilidade da empresa, aínda que mostrou "confianza" en que ese "camiño que queda por percorrer" chegará a "un final feliz" coa axuda das institucións. A oposición, tanto a nacionalista Ana Pontón como o socialista Méndez Romeu, cualificaron a visita de "electoralista" e reclamaron medidas inmediatas para evitar os peches de factorías que xa se deron noutros lugares de Europa.

A compañía advirte de "traballo por diante" e o comité de empresa di que esperaba "algo máis detallado"

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, agradeceu o compromiso do ministro en nome do presidente Alberto Núñez Feijóo e insistiu en destacar de que é "unha magnífica noticia" para operarios e fábrica, aínda que o presidente do comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, José Luis Combarro, non estaba tan esperanzado. "Esperaba algo un pouquiño máis detallado", dixo, aínda que recoñeceu que agora que o futuro da firma chegou a un "nivel máximo", "terán que buscar unha solución".

O que non faltaron foron palabras firmes do ministro, consciente da ausencia de detalles claros sobre as garantías desa futura competitividade. Ante os xornalistas, Soria destacou "o compromiso firme, inequívoco, claro e rotundo do Goberno" para que Alcoa e os grandes consumidores industriais de enerxía de España "poidan seguir sendo competitivos e poidan seguir apostando pola economía española como lugar de localización dos seus investimentos". Ademais, destacou o traballo conxunto do seu departamento coa Xunta e louvou as xestións de Feijóo e Guerra, claves segundo el para que o Estado mantivese un fondo de 550 millóns de euros para financiar o mecanismo de interrumpiblidade, que permite cortar a subministración eléctrica a determinadas sociedades a cambio de bonificacións.

O ministro e Alcoa aproveitaron para louvar a xestión de Núñez Feijóo e Javier Guerra

Porén, e tal e como advertían os sindicatos, Soria non foi máis aló de garantir que a competitividade "poida seguir sendo, polo menos no que afecta os custos de enerxía eléctrica, exactamente a mesma que existe nestes momentos" comezado 2013, Soria eludiu concretar en que consistirá devandito "sistema".

"A concreción é no que se está traballando nestes momentos", dixo, tras aludir a que "finalmente a interrumpibilidade non se tocou" como método para que os grandes consumidores industriais, entre eles Alcoa, poidan "seguir sendo máis competitivos fronte a quen producen as mesmas cousas fóra de España".

Este, dixo, "é un compromiso que non ten tempo". Non é temporal senón "a medio, longo prazo", argumentou ante as cuestións dos xornalistas, a quen sinalou que se trata de que as solucións que se dean ás empresas industriais sexan marco de certidume, seguridade e confianza".

O presidente de Alcoa, ao igual que o ministro, botou flores sobre a xestión da Xunta e do Executivo central e cre que o acto deste martes "reflicte o esforzo" dos gobernos no apoio a Alcoa. Aínda así, recoñeceu que "é verdade que aínda non estamos aí, pero estamos a traballar", apuntou Camino, antes de indicar que "queda un camiño que percorrer" e advertir que vai ser "duro e difícil". Con todo, mostrouse confiado en que poida ter "un final feliz" para, deste xeito, estar en disposición de "anuncialo oficialmente".

O presidente do comité de empresa insistiu en que, malia que recoñece "o compromiso" do ministro, aínda non se falou de solucións inminentes. "Dalgunha maneira seguimos igual. Si hai un compromiso, pero desde o mes de maio todos nos din o mesmo", aclarou.

"Dalgunha maneira seguimos igual; si hai un compromiso, pero desde o mes de maio todos nos din o mesmo", quéixanse os traballadores

Logo de felicitarse pola "paralización" de "esa ameaza de prazos" fixado para o próximo 5 de outubro e o mantemento do fondo para a interrumpibilidade, Combarro chamou a lograr, "máis que unha nova tarifa", un acordo entre Goberno e Alcoa "dentro do marco enerxético", no que deberían terse en conta, dixo, cuestións como as peaxes de acceso e os pagos por emisións de dióxido de carbono, entre outras.

'Cadaleito' de Alcoa, ante San Caetano CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.