Tan só 680 mil persoas ingresan máis de mil euros ao mes en Galicia

Case a metade dos e das contribuíntes declara ingresar menos de 12 mil euros anuais Dominio Público Praza Pública

680.453. É a cifra total de galegos e galegas que en 2014 declararon ingresar máis de 12 mil euros ao ano, segundo a estatística da Axencia Tributaria. Son case a metade dos e das contribuíntes galegas (o 46,51%), unha porcentaxe que se ben baixa dende a campaña anterior (46,88%), se incrementou en máis de dous puntos dende o ano 2008. Pola contra, nese mesmo período, descendeu dous puntos a proporción de persoas que declaraban ingresar entre 12 e 21 mil euros anuais (do 28,14% ao 26,08%). 

Os datos da Axencia Tributaria tamén amosan que o grupo de persoas que ingresa entre os 21 e os 60 mil euros anuais, que representan o 25% do total de contribuíntes, achegan o 56% da recadación do IRPF. O número total de contribuíntes tamén creceu o pasado ano, situándose nos 1.272.279, a cifra máis alta dende o 2008.

A estatística da Axencia Tributaria ofrece, ademais, algúns datos curiosos, coma a evolución nos últimos de certas deduccións dispoñibles para os e as contribuíntes. Por exemplo, na declaración da renda correspondente ao ano 2014 un total de 130.163 acreditaron os pagamentos realizados a sindicatos aos que están afiliados e afiliadas, cun pequeno descenso con respecto ao ano anterior (133.049). En canto aos colexios profesionais, foron 35.715 os e as contribuíntes que obtiveron deduccións (unha cifra semellante á do ano precedente: 35.687). En canto ás reducións da base imponible en función das achegas realizadas a partidos políticos, foron 6.817 os galegos e galegas que acreditaron a súa militancia, un número en descenso dende as cifras do ano 2010 (7.665).

En 2014 41.003 galegas e galegos beneficiáronse das deducións polo nacemento de fillos e fillas, moi por debaixo dos datos de 2013 (52.653), 2012 (56.135) e 2011 (58.379), nunha sucesión de catro anos de descensos. Tamén se observa o efecto da desaparición da dedución etatal por aluguer da vivenda habitual, da que en 2013 se benficiaran 48.124 contribuíntes galegos e galegas. En 2014 mantívose, iso si, a dedución autónomica (para menores de 35 anos), que chegou a 7.988 persoas en Galicia, cun lixeiro incremento con respecto aos datos de 2013 (7.286).

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.