Tan só o 15% dos autónomos galegos ten menos de 35 anos

As asociacións de autónomos e autónomas reclaman maiores facilidades administrativas CC-BY-SA Camilo Rueda López

Galicia pechou o ano 2014 cun novo incremento no número total de traballadores e traballadoras autónomas, que creceron en 3.143, ata os 217.576. É o segundo ano de ascenso, despois das continuadas caídas rexistradas dende 2007. Porén, os menores de 35 anos diminúen e só representan o 15,87% do total, fronte ao 16,02% do ano anterior. Autónomos de Galicia (AUGA) denuncia estas "desalentadoras" cifras que "son consecuencia da escasa implicación das administracións públicas e diferentes gobernos, que non paran a pensar na importancia de respaldar os proxectos e iniciativas dos máis novos que queren traballar e vivir na nosa comunidade, sen ter que coller a maleta ou manterse na lista do paro". No conxunto de España a porcentaxe de mozos e mozas autónomas acada o 20% do total.

"As medidas adoptadas non chegan e o exemplo máis visible é a tarifa plana de 50 euros, unha redución da que os novos emprendedores se poden beneficiar tan só os primeiros seis meses"

Para AUGA, "as medidas adoptadas non chegan e o exemplo máis visible é a tarifa plana de 50 euros, unha redución da que os novos emprendedores se poden beneficiar tan só os primeiros seis meses". Sinalan que "é practicamente inútil porque cando acaba o tempo o novo autónomo non soporta o gasto, non aguanta o negocio que emprendeu e ten que pechar".

"O colectivo está cheo de persoas xa adultas, cunha media de idade que ronda os 45 anos, que están soportando a situación porque non ven outra saída"

O portavoz de AUGA, Lisardo Domínguez, subliña que "o colectivo está cheo de persoas xa adultas, cunha media de idade que ronda os 45 anos, que están soportando a situación porque non ven outra saída. Isto, e a falta de respaldo ós mozos son o principal motivo do envellecemento do noso colectivo, un sector fundamental para a economía, que con menos cargas económicas podía estar sendo piar fundamental da recuperación”. A proposta de Autónomos de Galicia en canto á realidade da mocidade emprendedora xira en torno a dous eixos básicos: aumento do período desta tarifa plana como mínimo ata un ano e mellora da formación "para coñecer como e por que emprender sen lanzarse ao baleiro".

 

Incremento do número total

O 93,12% de todas as novas altas rexistráronse nas provincias de Pontevedra e A Coruña

O incremento da cifra total de traballadores e traballadoras autónomas en Galicia non foi homoxéneo en todas as localidades galegas, pois o 93,12% de todas as novas altas se rexistraron nas provincias de Pontevedra e A Coruña. Lugo foi a única das catro provincias que perdeu activos durante 2014, e Ourense tan só sumou 234 novos autónomos. As cidades con máis crecemento foron Vigo (+440), A Coruña (+326), Ourense (+176), Ames (+151), Santiago de Compostela (+141), Pontevedra (+139) e Lugo (+119). A este respecto, Jesús Diéguez, vicepresidente de APROAMAR-UPTA, sinalou que “o crecemento nas zonas rurais segue sendo moi baixo ou non se produciu; quizais é a elas ás que habería que dirixir as novas accións durante 2015".

2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015
237.866 231.690 224.325 219.091 215.725 212.913 213.224 216.287

Número total de traballadores e traballadoras autónomas rexistradas en Galicia a 31 de xaneiro. Fonte: Ministerio de Empleo

As asociacións de autónomos e autónomas reclaman maiores facilidades administrativas CC-BY-SA Camilo Rueda López

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.