Tan só tres de cada dez paradas galegas percibe prestación por desemprego

Manifestación nunha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

Tan só un de cada tres parados galegos percibe prestacións por desemprego, o que supón unha taxa de protección do 34,7%, segundo os datos da EPA (Enquisa de Poboación Activa) do terceiro trimestre do ano e que supón cinco puntos menos que no mesmo trimestre de 2012. É o que se tira do estudo da Fundación 1º de Maio elaborado por Enrique Negueruela, membro do Consello de Emprego, Economía Social e Relacións Laborais deste centro de estudos, e que debulla as cifras para determinar a protección real da cidadanía sen traballo e que contrapón á denominada taxa de cobertura, que basea a súa porcentaxe só nos parados rexistrados nas oficinas de emprego, pero non na devandita EPA nin en todas as persoas sen emprego.

A taxa de cobertura sitúase no 62,6% en Galicia, pero a taxa de cobertura redúcese ao 34,7%

Segunda estes datos oficiais, a taxa de cobertura en Galicia sitúase no 62,6%, polo que habería preto de 110.000 persoas desempregadas sen ningún tipo de cobertura, unha considerable diferenza coas máis de 180.000 persoas paradas que non reciben prestación ningunha, tendo en conta a taxa de protección. Máis de 180.000 que non están protexidos ante o paro e unha diferenza de case trinta puntas entre unha e outra taxa estatística.

A taxa de cobertura, aínda que ten en conta a todos os que cobran algunha prestación, só inclúe os demandantes parados rexistrados e os eventuais do subsidio agrario, que non figuran no cómputo de paro rexistrado. A taxa de protección baséase na EPA e en todos os cidadáns sen emprego, estean contabilizados nas oficinas ou non.

Máis de 180.000 parados galegos non cobran prestación ningunha; entre as mulleres, menos do 30% están protexidas

Así, e segundo estas cifras, a protección dos parados é moito menor á que se desprende da taxa de cobertura e semellante en Galicia e no conxunto do Estado (33,7%). O caso é especialmente grave no caso das mulleres galegas desempregadas, cuxa taxa de protección é dez puntos inferior á dos homes. Tan só o 29,3% delas cobrarían prestación e, xa que logo, menos de tres de cada dez estarían protexidas, un dato case idéntico ao da media estatal.

Só un de cada sete mozos desempregados percibe prestación por desemprego

O caso é aínda peor entre os mozos menores de 30 anos, xa que só un de cada sete percibe subsidio (o 13,4%), polo que hai case setenta mil rapaces sen prestación. A taxa de protección é tan só do 11,4% entre os homes de entre 16 e 29 anos e do 15,9% entre as mulleres da mesma idade. Nos dous casos, o número de parados que cobran algún tipo de prestación segue descendendo con respecto a hai un ano.

O risco de exclusión social, xa que logo, segue aumentando. As persoas entre 30 e 44 anos teñen unha taxa de protección do 35,7% en Galicia, polo que tan só algo máis dun de cada tres percibe unha perstación, unha taxa que é catro puntos menor aínda entre as mulleres nesta franxa de idade. Os maiores de 45 anos son os que teñen unha maior protección (52,6%), pero a porcentaxe descendeu en máis de cinco puntos desde hai un ano. Neste caso, as mulleres teñen unha taxa de protección trinta puntos menor.

 

Manifestación nunha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.