Tan só un de cada quince mozos galegos en paro percibe algunha prestación

Manifestación contra o paro xuvenil CC-BY-NC-SA CIG

O número de persoas paradas sen protección aumentou en case 25.000 en Galicia desde que o PP recuperou a Moncloa en 2011, segundo se tira dun novo estudo da Fundación 1º de Maio, elaborado por Enrique Negueruela, membro do Consello de Emprego, Economía Social e Relacións Laborais deste organismo. Nel, debulla as cifras para determinar a protección real da cidadanía sen traballo contrapoñéndoa á denominada taxa de cobertura -que basea a súa porcentaxe só nos parados rexistrados nas oficinas de emprego pero non na EPA nin en todas as persoas sen emprego- e que se situaría nuns vinte puntos máis.

Así, o número de persoas paradas desprotexidas aumentou en Galicia desde que Rajoy chegou ao poder nun 18%, nove puntos máis que o incremento no conxunto do Estado, de ter en conta as últimas cifras da EPA do terceiro trimestre do ano. Xa que logo, o número de perceptores de prestacións sitúase nas 59.702 persoas, unhas 27.000 menos das que había cando o PP accedeu á Moncloa. Así, a taxa de protección no país sitúase no 26,8%, tres puntos menos que no trimestre anterior, case 12 menos que no mesmo trimestre de 2011 e máis de un punto inferior á media estatal, deixando así atrás un diferencial positivo que foi reducíndose a cada estatística.

A taxa de protección en Galicia é do 26,8%, tres puntos menos que no trimestre anterior e 12 menos que hai catro anos

En Galicia, menos de un de cada tres parados percibe prestacións. A taxa de protección do 26,8% é de 11,8 puntos menos que no mesmo trimestre de 2011, polo que de terse matido a mesma taxa, agora habería 31.207 persoas protexidas máis. É o terceiro maior descenso no Estado entre o conxunto das comunidades autónomas. Hai, en definitiva, máis de 160.000 parados que non percibe prestación ningunha (162.934), unha situación que é moito peor para as mulleres, que teñen unha taxa de protección 8,7 puntos menor cós homes.

Pero peor caso é o dos mozos galegos menores de 30 anos: tan só un de cada quince percibe prestación, o 6,5%. O que é o mesmo: menos de sete de cada cen mozos e mozas desempregados non reciben achega ningunha. Hai, xa que logo, hai máis de 50.000 novos sen prestacións e menos de 3.500 con elas. As mulleres novas teñen unha taxa de protección 1,5 puntos superior aos homes.

Tan só un de cada quince mozos galegos parados percibe prestación

Por outra banda, as persoas entre 30 e 44 anos teñen unha taxa de protección do 24,8%, polo que unha de cada cartro percibe unha prestación, mentres que case 70.000 persoas desta franxa de idade non percibe axuda ningunha. A taxa feminina, neste caso, é inferior á dos homes en seis puntos e, desde 2011, a taxa de protección caeu en 17 puntos.

É entre os maiores de 45 anos onde a taxa de protección é maior en Galicia. Algo menos de un de cada dous está protexido, aínda que a porcentaxe de mulleres con prestación é 24 puntos inferior á dos homes.

Taxa de protección de parados en Galicia
  3º trimestre 2011 3º trimestre 2015
Homes 45,1% 31,2%
Mulleres 32% 22,5%
Total 38,6% 26,8%

Ante estes datos, Enrique Negueruela considera no seu informe que son "claramente reveladores da situación do emprego" no Estado. "O grao de precariedade no que está o mercado de traballo é tal que nin tan sequera se xeran prestacións", aclara o economista, que lembra que o feito de ter "parcializado" os subsidios leva a que estes "adoiten non solicitarse despois dun contrato a tempo parcial, permanecendo á espera doutro tempo completo que moitas veces tarda en chegar".

"O grao de precariedade no que está o mercado de traballo é tal que nin tan sequera se xeran prestacións", advirte Negueruela

Negueruela advirte que en 2016, "de non modificarse a normativa elaborada por este Goberno en relación cos maiores de 55 anos, asistiremos a un forte aumento da desprotección dos parados de moi longa duración, os que levan máis de dous anos". O economista urxe por unha "modificación legal das prestacións no sentido contrario ao realizado polo PP". "É preciso facer valer o artigo 41 da Constitución e que as persoas paradas estean protexidas", remata.

Oficina de emprego nunha vila galega CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.