Ten sentido exportar leite a México?

Protesta sindical polos prezos do leite © Sindicato Labrego Galego

A pasada semana o presidente da Xunta regresou de México coa maleta ateigada de expectativas. Ás xa habituais promesas sobre posibles encargas para o sector naval engadiuse, desta volta, unha chiscadela ao sector agrogandeiro e, nomeadamente, ao lácteo. Tras unha reunión coa ministra de Desenvolvemento Social do país centroamericano Feijóo asegurou que viña de "abrir os contactos de cara a avaliar a posibilidade de exportar produtos lácteos galegos a este país". Segundo a Xunta, as "necesidades" do mercado mexicano "refírense fundamentalmente a produtos lácteos transformados" e Galicia "conta con varias fábricas que teñen estas capacidades, polo que podería aspirar a esta posibilidade de internacionalización". Pero, isto é viable dende o punto de vista técnico e económico?

México é un país deficitario no que a produtos lácteos se refire, isto é, non produce o suficiente leite para cubrir as súas necesidades. O mesmo que acontece no Estado español. Esta semellanza é, precisamente, un dos argumentos que empregan os sindicatos agrarios galegos para recear da expectativa presidencial. "As razóns económicas e de mercado fan pensar que a viabilidade" deste plan "é cativa", di o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, en cuxa opinión as formulacións de Feijóo "implican descoñecer cal é o problema do sector lácteo en España". "Non temos un problema de excedentes, importamos un terzo de fóra", polo que "o primeiro que hai que ver é como abastecemos o noso propio mercado".

"As razóns económicas e de mercado fan pensar que a viabilidade deste plan é cativa"

Tamén a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, ve o Goberno galego potenciando "o camiño contrario ao que se debería facer". "O que hai que tentar é ter unha boa presenza no mercado interno, con produtos de alto valor engadido que repercutan tanto na industria como nos produtores e produtoras". Trátase, ademais, di, de asentar "un concepto básico, a soberanía alimentaria; temos unhas necesidades e hai produtos que forman parte da nosa cultura alimentaria, como é o leite, temos demanda e temos capaciadade de xerar os produtos para abastecernos".

Leite en po a baixo prezo

As centrais sindicais agrarias non só ven pouco viable o plan de Feijóo polo feito de que o Estado español non teña excedentes de leite. Tamén se amosan convencidos de que a "saída" do leite galego a México só sería posible "a un prezo de miseria", ilustra Vilalba. En caso que de esas exportacións chegasen a realizárense estarían basicamente formadas, abonda Roberto García, por "leite en po e manteiga" e atendendo "aos prezos do mercado internacional". "Para venderlles leite en po e manteiga habería que coller os prezos máis baixos do mercado mundial" nun contexto no que, engade Isabel Vilalba, un dos principais problemas do sector lácteo galego é precisamente o perzo, "que xa está por baixo doutras partes do Estado e da UE".

"Para venderlles leite en po e manteiga habería que coller os prezos máis baixos do mercado mundial"

Para a máxima responsable do SLG o "proceso" proposto por Feijóo simplemente "non ten sentido". "O noso mercado interno deixámosllo á produción doutros lugares, que ten alto valor engadido, e nós estaríamos dirixindo a nosa produción aos produtos que teñen menos cotización" no mercado. "É unha visión curtopracista" que non "tenta unha remuneración digna" para os profesionais e, ademais, "totalmente errada dende o punto de vista da sostibilidade das explotación" e do ámbito enerxético: "o noso levámolo á outra punta do mundo mentres nos abastecemos con algo que vén de milleiros de quilómetros".

O problema industrial

Pero, no suposto de que o prometido por Feijóo sexa máis ca unha expectativa; quen elaboraría os produtos para enviar á outra beira do Atlántico? "Dado que non temos excedentes de produción non temos empresas que se dediquen ao leite en po nin á manteiga", constata Roberto García, quen non é quen de responder á cuestión de "con que empresa se faría isto" e, en caso de existir, cal sería a compañía que podería competir "nun país que é deficitario [México] pero que se move nun acordo de libre comercio con Canadá e os Estados Unidos", polo tanto, "cuns aranceis que farían moi difícil a viabilidade deste proxecto".

"A nosa produción vai maioritariamente a leite líquido, se a saída que se lle dá é leite en po estaríase a elixir unha das vías con menos valor engadido"

Ao tempo, Isabel Vilalba coida que o anuncio de Feijóo deixa de lado "un dos grandes problemas" que o sector lácteo "ten no Estado español e e, concreto, en Galicia". "A nosa produción vai maioritariamente a leite líquido, non a transformado" e, polo tanto, "se a saída que se lle dá é leite en po para exportación" estaríase a elixir "unha das vías nas que se se vai xerar menor valor engadido" na industria láctea galega. "Se cadra, o de México é unha boa solución para cando acaben de facer esa frota de barcos" prometida polo presidente, ironiza Roberto García.

Roberto García sinala o prezo ínfimo dun cartón de leite © UnionsAgrarias
Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG © SLG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.