Ter un accidente no mar nunca foi de balde para quen o sofre nin para o seu entorno. Sempre trouxo consigo importantes custos de preocupación e emocionais, tamén económicos en forma de prexuízos nas actividades vinculadas ao mar e, no peor dos casos, a perda de vidas humanas. Pero dende este 14 de xuño haberá que sumarlle un custo adicional, máis frío pero tamén máis tanxible. Dende este xoves estará en vigor o decreto da Consellería do Mar "polo que se establecen os prezos públicos polos servizos de rescate prestados por esta consellería", isto é, de agora en diante quen sofra un accidente no mar terá, na maior parte dos casos, que pasar por caixa, deixando ata 2.200 euros por hora investida en labores de rescate.
Nunha breve exposición de motivos a Xunta explica que "as estatísticas reflicten que as actuacións de salvamento supoñen cuantiosos custos par a Administración, cifrados nuns 6 millóns de euros ao ano polo uso de medios aéreos e arredor de 5 milóns por embarcacións. "Ata agora -recoñece- non se repercutiron os gastos" ao que a Consellería denomina "beneficiarios de tal prestación". Pero a situación vai mudar e cando interveñan "equipos propios e concertados" do Goberno galego, xa sexa "por requirimento dos interesados ou ben de oficio por razóns de seguridade pública", haberá que pagar. Para isto, a Xunta establece un amplo abano de "supostos": cando o "rastrexo, rescate ou salvamento se realice con ocasión da práctica de actividades ou deportes que entrañen risco ou perigosidade", "cando as persoas rescatadas ou salvadas non levasen o equipamento adecuado para a actividade", "cando sexan consecuencia da realización de actividades que poidan levar consigo un incremento do risco", como "meteoroloxía adversa" ou "cando se solicite o servizo sen que existan motivos obxectivamente xustificados".
So estarán exentos de pagamento os rescates "no caso de situación de catástrofe ou calamidade pública" e os "prestados polo interese xeral e non en beneficio de particulares"
Pero, ademais deses supostos que aínda deixarían unha certa marxe para a gratuidade, Mar fai aínda máis estreito o marco á hora de explica cando "non se producirá o suposto de feito" que implica pagamento. Isto só acontecerá "no caso de situacións de catástrofe ou calamidade pública, ou en caso de servizos prestados polo interese xeral e non en beneficio de particulares ou de bens determinados". No resto de casos terán que facerse cargo dos gastos "as entidades ou sociedades aseguradoras con que o obrigado ao pagamento teña contratada unha póliza", "os organizadores do evento que desen lugar á prestación dos servizos de salvamento" ou "as persoas físicas ou xurídicas e as herdanzas xacentes, as comunidades de bens e as demais entidades carentes de personalidade xurídica que constitúan unha unidade económica ou un patrimonio separado susceptible de tributación, que sexan beneficiarias da prestación do servizo".
E, cales son as tarifas? Varían en función do servizo prestado e oscilan entre os devanditos 2.200 euros á hora, que se cobrarán polo emprego de helicópteros, e os 37 euros á hora por "medios humanos mobilizados" dende o Servizo de Gardacostas de Galicia. Ademais, haberá que ter en conta que cada vehículo de gardacostas custará 75 euros á hora, cada embarcación de menos de 18 metros de eslora 450 euros por "día ou fracción" e, as de máis de 18 metros, "2.200 euros por día ou fracción". No caso dos "vehículos de rescate" a tarifa será de 39 euros á hora e, nas "embarcacións de salvamento dotadas con rescatadores ou mergulladores", 1.500 euros á hora.