Traballadoras do téxtil: mellores condicións laborais pero aínda lonxe da dignidade

Manifestación en Bangladesh © Setem

A Campaña Roupa Limpa, que en España coordina SETEM, vén de presentar o informe Salarios Dignos, que analiza o trato que 50 das multinacionais máis importantes de Europa, entre elas Inditex, ademais de Desigual ou Mango, lles dan ás súas traballadoras, situadas principalmente no continente asiático. Mídese, principalmente, o grao de cumprimento por parte destas compañías das esixencias éticas e legais, e se están dando pasos positivos para que as súas empregadas reciban un salario digno polo seu traballo. A conclusión do informe é que nos últimos anos, nos que se incrementou a presión sobre estas empresas (tanto a nivel internacional coma nos propios países de asentamento), a situación das operarias mellorou, os salarios creceron e as compañías comezan a operar con máis transparencia. Porén, o informe destaca igualmente que o avance é pequeno e lento, e que queda un longo camiño por percorrer para acadar unha mínima dignidade no proceso de produción das roupas que mercamos e vestimos.

A maioría das traballadoras da industria téxtil global non pode permitirse unha vida digna, xa que non gañan máis que 6 euros ao día nunha industria que move máis de 34.000 millóns de euros en Europa

“A pesar de que un salario digno é un dereito humano, ningunha das 50 compañías líderes está a pagar un salario digno”, dixo Anna McMullen, coordinadora do estudo. A maioría das traballadoras da industria téxtil global non pode permitirse unha vida digna, xa que non gañan máis que 6 euros ao día (con xornadas por riba das 48 horas semanais) nunha industria que move máis de 34.000 millóns de euros en Europa.

O informe lembra que dende que Asia Floor Wage Alliance estableceu en 2009 un parámetro real do que supón un salario digno, as compañías xa non poden eludir a súa responsabilidade de garantir o seu pago dicindo simplemente que non existe unha definición do que significa. Por salario digno enténdese aquel que cobre as necesidades básicas da traballadora e da súa familia (o cálculo faise para unha unidade familiar de catro membros), distribuído o gasto en 50% para alimentación, 40% para vivenda e roupa e 10% para gastos extraordinarios. 

Asia Floor Wage Alliance realiza cada ano novos cálculos en función do incremento de prezos en cada país. Á vista destes cálculos o informe conclúe que os salarios mínimos dos países do sur de Asia están aínda moi lonxe da dignidade. En China, por exemplo, o salario medio é de 175 euros mensuais (o digno sería de 376), e no resto dos lugares as diferenzas son aínda maiores: en Indonesia é a terceira parte (82 euros fronte a 267), en Cambodia é case a cuarta parte (73 euros fronte a 286), o mesmo que na India (52 euros fronte a 195) e en Bangladesh ou Sri Lanka non chega á quinta parte. 

O informe denuncia que se o salario estándar semanal que cobra unha traballadora non abonda para cubrir as súas necesidades e as da súa familia, "tanto ela coma a súa familia sofren os problemas relacionados coa pobreza, como a baixa inxesta de calorías, o acceso limitado a servizos de saúde adecuados, falta de seguridade social, condicións pobres de vivenda, acceso limitado á educación e participación limitada na vida cultural e política". Ademais, destaca que durante e despois da crise financeira, a situación das traballadoras do sector téxtil empeorou, pola "explosión" dos prezos do arroz e do petróleo. As súas consecuencias, sinala, "reflíctense na preocupante malnutrición que se está estendendo entre as traballadoras do sector téxtil de Bangladesh e nos desmaios en masa das fábricas téxtiles de Cambodia provocados pola falta de alimentación apropiada".

Nos últimos meses, houbo importantes manifestacións en Cambodia ou Bangladesh, en defensa de aumentos salariais e de fábricas máis seguras

A consecuencia é que as traballadoras están comezando a loitar cada vez máis intensidade contra esta opresión económica. Nos últimos meses, houbo importantes manifestacións en Cambodia ou Bangladesh, en defensa de aumentos salariais e de fábricas máis seguras. Setem conclúe que "é tempo de garantir que a industria téxtil non dá calquera traballo senón un traballo decente aos millóns de mulleres e homes que confeccionan a roupa que vestimos".

 

Avances, pero pequenos e só nalgunhas empresas

O informe explica que só catro das 50 compañías coas que contactaron (Inditex, Marks & Spencer, Switcher e Tchibo) "puideron probar que están a dar pasos"

O informe explica que só catro das 50 compañías coas que contactaron (Inditex, Marks & Spencer, Switcher e Tchibo) "puideron probar que están a dar pasos que consideramos que, co tempo, poden levar a un aumento salarial significativo, e ningunha das compañías estudadas paga actualmente salarios dignos". Salienta, ademais que Bestseller, G-Star, New Look, Puma, Switcher, Takko Fashion e Tchibo adoptaron "o que considerariamos un instrumento de avaliación comparativa crible ao redor dos salarios dignos, o cal é vital para informar o obxectivo cara ao que traballan e para cuantificalo".

A campaña realiza unha serie de recomendacións, dirixidas ás empresas, máis aló da esixencia do incremento salarial. Entre outras cousas, demanda que as multinacionais e as súas proveedoras respecten a liberdade de asociación, dialoguen cos sindicatos e con grupos de dereitos laborais, muden os seus hábitos de compra primando aquelas empresas que si se comprometan co salario digno, ou actúen de maneira transparente. Os avances en todas as materias son igualmente escasos.

 

O caso de Inditex

Inditex "empezou a informar da forma na que xestiona a súa cadea de subministración reducindo o seu número de provedores, aumentando a produción para aqueles provedores con maiores prácticas éticas e dando pasos para reducir a necesidade de subcontratación"

A multinacional galega Inditex foi sinalada en varias ocasións nos últimos anos polo trato dispensado aos seus traballadores en todo o mundo, e por exemplo foi expulsada do pacto contra o traballo escravo no Brasil ou criticada por ocultar que empresas traballaban para ela en ningún país do mundo nin cales eran as condicións dos seus traballadores subcontratados, a metade deles localizados en Asia. Porén, no último informe de Roupa Limpa,a Inditex recoñéceselle ser unha das empresas que máis avanzou de cara a que os seus traballadores conten con salarios dignos. Aínda que, coma en todos os casos, tamén esta compañía esta lonxe dos obxectivos esixidos.

O documento subliña que Inditex "empezou a informar da forma na que xestiona a súa cadea de subministración reducindo o seu número de provedores, aumentando a produción para aqueles provedores con maiores prácticas éticas e dando pasos para reducir a necesidade de subcontratación". E destaca tamén o seu compromiso en traballar cos sindicatos para aumentar os salarios, reflectido no seu Acordo Marco Internacional. O compromiso de Inditex céntrase na liberdade de asociación, pero o informe conclúe que "deberían desenvolver as melloras salariais, para conseguir que o persoal das compañías provedoras obteña melloras concretas no seu benestar económico". O informe explica que "é certo que a negociación colectiva entre a dirección e os sindicatos é unha parte fundamental da mellora e o mantemento dos salarios, pero este achegamento esixe que haxa sindicatos fortes en todos os lugares de traballo e en todos os países".

"Por mor das presións dos compradores internacionais para rebaixar os prezos, as traballadoras non teñen marxe para negociar un salario digno real baseado nas necesidades reais"

O informe engade que "mesmo onde hai sindicatos, a miúdo non contan co espazo político adecuado para esixir salarios realmente dignos a nivel de fábrica ou nas negociacións sobre o salario mínimo, especialmente cando o punto de partida é un salario mínimo que é apenas unha cuarta parte do que debería ser". E lembra que "por mor das presións dos compradores internacionais para rebaixar os prezos, as traballadoras non teñen marxe para negociar un salario digno real baseado nas necesidades reais".

Análise da distribución dos ingresos xerados por unha camiseta © Setem
Fabrica téxtil © Setem
Cálculo comparado dos 'salarios dignos' e 'salarios mínimos' © Setem

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.