Traballadores do naval encerran en Navantia as autoridades tras o veto ao dique flotante

Manifestación do naval en Ferrol CC-BY-NC-ND Xoán Porto

Encerrados nas instalacións de Navantia. Así se atopan neste momento o director xeral de Industria da Xunta de Galicia, Bernardo Tahoces, o director xeral da SEPI, Francisco Ruiz, e os alcaldes de Ferrol, Narón e Ares, que se reuniron esta mañá na comisión de seguimento do dique flotante na que a sociedade estatal confirmou que a infraestrutura non sería construída finalmente nos estaleiros da ría de Ferrol, malia o apoio ao proxecto que tanto Núñez Feijóo como Mariano Rajoy fixeron nos últimos tempos desde os seus respectivos gobernos.

Os responsables de Navantia e da SEPI puxeron freo á posible construción do dique flotante porque, segundo a empresa estatal, construír esta infraestrutura iría contra as normas comunitarias, xa que as axudas estatais para o financiamento público necesario serían consideradas como ilegais pola UE.

"Temos fame, pero seguiremos aquí", advirten os traballadores

A noticia foi acollida con rabia e desesperación polos traballadores que estaban concentrados ante as instalacións de Navantia, que decidiron impedir a saída das autoridades alí reunidas en protesta por un novo e duro golpe ao sector naval. "Están dentro pechados e algúns xa intentaron saír pero non lles deixamos", confirmou a Praza Manuel Grandal, portavoz da CIG no comité da empresa, que advirte que os traballadores continuarán coa protesta, cando menos até a noite.

"Temos fame, pero seguiremos aquí", asegura, sabedores de que algúns dos dirixentes encerrados acabarán por perder o voo de volta ás súas cidades de orixe. "Onde está, non se ve, ese dique do PP", berran os traballadores, que acumulan xa varias horas nas instalacións de Navantia, desde que acudiran pola mañá a esperar resultados dunha xuntanza que só trouxo malas novas.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Manifestación de traballadores do naval CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.