Tres de cada dez asalariados galegos cobra menos de 1.218 euros

Dous obreiros traballando nun tellado © CCOO

Case o 30% (o 29,4%) dos asalariados galegos cobra menos de 1.218,2 euros brutos mensuais, segundo os resultados sobre salarios feitos públicos este mércores polo INE a través da Enquisa de Poboación Activa 2011. O 8,8% dos cidadáns de Galicia perciben uns ingresos por baixo dos 687,1 euros, o 8,9% sitúase entre esta cantidade e os 1.008,6 euros, mentres que o 11,7% supera esta contía, pero mantense tamén por baixo dos 1.218,2 euros.

O 17,7% dos asalariados galegos cobran un soldo inferior aos 1.008,6 euros

Xa que logo, o 17,7% dos asalariados galegos cobran un soldo inferior aos 1.008,6 euros mensuais, mentres que o 27,1% ten un salario que supera os 2.071,8 euros, de acordo cos resultados que acaban de saír á luz.

Agrupando o tres tramos máis baixos (nos que se atopa o 29,4% dos asalariados galegos), Galicia sitúase como a sétima comunidade cunha porcentaxe máis alta de traballadores na franxa inferior. Pola contra, se se teñen en conta os tramos máis altos, Galicia ocupa o sétimo lugar entre as comunidades con menos traballadores na franxa superior.

No conxunto do Estado, case o 62% dos mozos cobra menos duns 1.220 euros

Respecto do conxunto do Estado, os datos do INE amosan que o 46% dos asalariados menores de 25 anos perciben un salario mensual bruto de entre 687,1 e 1.008,6 euros. En concreto, un de cada catro mozos menores de 25 anos gaña menos de 687,1 euros mensuais, mentres que o 20,7% cobra entre 687,1 e 1.008,6 euros ao mes. Pola súa banda, o 15,5% percibe entre 1.008,6 euros e 1.218,2 euros mensuais. Sumando estas porcentaxes obtense que o 61,5% dos menores de 25 anos atópase nos tramos salariais máis baixos (de 687 a 1.218,2 euros mensuais).

No tramo medio (de 1.218,2 a 2.071,8 euros mensuais) atópanse pouco máis do 23% dos mozos, mentres que na franxa salarial máis alta (de 2.071,8 euros a 3.280 euros ou máis) apenas o 5,4% dos menores de 25 anos.

A enquisa do INE revela tamén que o 30% dos asalariados españois recibiu en 2011 un salario mensual bruto superior a 2.071,8 euros, é dicir, dentro do tramo máis alto de soldos. A mesma porcentaxe gañaba menos de 1.218,2 euros mensuais (tramo baixo), mentres que catro de cada dez situábanse na banda salarial media (de 1.218 a 2.071 euros).

Ademais, o 12,4% percibe entre 1.218,2 e 1.386,6 euros; o 11,5% ingresa entre 1.386,6 e 1.563,2 euros; o 10,6% está entre os 1.563,2 e os 1.774,4 euros; o 9,2%, entre 1.774,4 e 2.071,8 euros; o 9,1%, entre 2.071,8 e 2.513,7 euros; o 9,9% supera esta última cantidade, pero non os 3.280,2 euros; e o 8,1% restante está por encima de 3.280,2 euros.

Discriminación feminina

En toda España, por sexos, as mulleres presentan unha maior concentración relativa en salarios baixos que os homes, tanto se traballan a tempo completo coma se o fan a tempo parcial. En concreto, o 43,2% das mulleres teñen un salario inferior a 1.218 euros, fronte ao 18,3% dos homes.

Segundo o INE, o menor nivel salarial das mulleres explícase pola súa maior presenza en actividades pouco remuneradas e por ter unha maior proporción de contratos temporais e a tempo parcial.

Dous obreiros traballando nun tellado © CCOO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.