Tres gráficos e un mapa para entender a situación límite do sector lácteo galego

Manifestación do sector lácteo en Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Este martes o sector lácteo do Estado en xeral e galego en particular teñen unha cita "clave" no Ministerio de Agricultura. Xunto á titular do departamento gobernamental, Isabel García Tejerina, sentarán todas as partes implicadas: produtores, industria e distribución, e sobre a mesa estará a posibilidade -ou non- de poñerlle freo á caída dos prezos do leite que se vén producindo mes a mes e que se agudizou dende a fin das cotas lácteas. Para o sector leiteiro galego esta non é unha xuntanza máis. A disxuntiva é clara: ou se instaura un sistema de prezos mínimos semellante ao francés ou as mobilizacións arreciarán e serán notablemente máis "duras". O lácteo galego está nunha situación límite que os seguintes gráficos poden axudar a entender.

As explotacións galegas reclamarán este martes no Ministerio un sistema de prezos mínimos semellante ao francés

Galicia é, con diferenza, a principal produtora de leite do Estado. Os datos máis recentes, os de xuño, indican que as explotacións do país produciron algo máis de 225.000 toneladas de leite, que supoñen case o 40% da produción estatal -a seguinte autonomía que máis produce é Castilla y León, cunhas 75.000 toneladas-. As granxas galegas teñen a maior produción e, ao tempo, rexistran os prezos máis baixos do Estado, con pouco máis de 27 céntimos por litro de leite.

Estes baixos prezos do leite abonados pola industria que, segundo veñen denunciando as organizacións agrarias, están obrigando as explotacións a vender por baixo do custo de produción, son o resultado dunha tendencia á baixa que xa dura máis dun ano. Segundo datos da Consellería do Medio Rural a caída dende xaneiro de 2014 foi de case o 30%. Naquel mes o prezo do leite roldara os 40 céntimos por litro e agora, un ano despois, os pagamentos están ao nivel de hai media década, cando a produción láctea galega apenas chegaba ás 200.000 toneladas mensuais.

Os prezos do leite galego son os máis baixos do Estado e tamén dos máis baixos da Unión Europea. Atendendo ás cifras da Comisión Europea o prezo medio do litro de leite no continente rolda os 30 céntimos, tres máis que en Galicia, e en ata dezasete Estados da UE o leite se paga mellor que o galego. Estes números danse nun contexto no que a propia Comisión reflicte unha caída xeral de prezos en toda a Unión. O retroceso medio é dun 20%, se ben en países como Estonia, Letonia ou Hungría se achega ao 30%.

Estas son algunhas das cifras que as organizacións agrarias levarán este martes a Madrid. Alí, indica o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, a reclamación será clara: unha suba "inmediata" dos prezos, porque os gandeiros xa non poden "agardar". Cando menos en Galicia, advirte, o sector xa non atura máis esperas nin "análises" porque está a ser "estrangulado". Se o Goberno de España non cede e adopta un sistema semellante ao francés os gandeiros están "unidos e dispostos a dar a batalla", comezando por "reconverter" as protestas previstas para os vindeiros días en Vilalba, Ordes, Sarria e Teixeiro para optar un un modelo de mobilización máis "duro".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.