Ugacota, Ucetag e Sinerxia unen forzas na maior unión de cooperativas galega

Asemblea de constitución de Espazo Coop Dominio Público Espazo Coop

O pasado sábado 5 de novembro Ugacota, Ucetag e Sinerxia decidiron en asemblea por unanimidade a fusión das tres cooperativas para conformar unha nova entidade, Unión de Cooperativas Espazo Coop., que agrupa un total de 181 cooperativas, 1.690 traballadores e traballadoras e 45 millóns de euros de facturación anual, converténdose na maior unión de cooperativas galega en canto ao número de cooperativas asociadas.

Entre esas 181 cooperativas hai 152 cooperativas de traballo asociado, 28 cooperativas de ensino e 1 cooperativa de consumo

Celso Gándara, presidente da nova organización, amosou a súa gran "satisfacción" polo paso dado, "que está cheo de novos retos de futuro para poñer en valor, impulsar e consolidar o sector cooperativo en Galicia, unha nova unión que conta cunha base social rica e diversa, con medios e recursos, e con equipos especializados e comprometidos". Esta fusión é o paso final dun proceso que leva tempo configurándose internamente nestas organizacións, froito tanto das estreitas relacións de colaboración que manteñen, como dunha visión estratéxica ou mesmo da coherencia cos valores e principios do cooperativismo e a intercooperación, sinal de identidade da economía cooperativa. A presentación de Espazocoop está prevista para o primeiro trimestre do ano 2017.

Entre esas 181 cooperativas hai 152 cooperativas de traballo asociado, 28 cooperativas de ensino e 1 cooperativa de consumo. A masa social da entidade distribúese en 1.120 socios/as traballadores/as, 340 socios/as consumidores/as e 570 traballadores/as (persoas contratadas). Ademais de Celso Gándara Carnero (de Algalia s. coop. galega) como presidente, a nove entidade conta con Alfonso Fernández Rodríguez (de Colexio Possumus s. coop. galega) como vicepresidente, a Domenico Tinelli (de MedAtlantia consultoría europea s. coop. galega) como secretario e como vogais a Ana Otero Fernández (de Colexio Guillelme Brown s. coop. galega) e a Ana Olveira Blanco (de 7H cooperativa cultural s. coop. galega).

A unión de cooperativas creada aspira a ser "a entidade de referencia no ámbito do cooperativismo galego, no marco da economía social e solidaria, con vocación de influencia na sociedade e de transformación social"

A unión de cooperativas creada aspira a ser "a entidade de referencia no ámbito do cooperativismo galego, no marco da economía social e solidaria, con vocación de influencia na sociedade e de transformación social, consolidando os valores e principios cooperativos e colaborando na consecución dunha economía baseada na primacía das persoas, o desenvolvemento sostible e a responsabilidade social". Entre os seus valores destacan "practicar a responsabilidade social, a sustentabilidade; a solidariedade, cooperación, a axuda mutua, as relacións de traballo digno e en equipo, a colaboración e intercooperación; a transparencia e a xetión ética, a innovación, mellora continua, igualdade de xénero ou a defensa da cultura e lingua galega".

 

Asemblea de constitución de Espazo Coop Dominio Público Espazo Coop
Consello reitor da nova cooperativa © Espazo Coop

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.