UGT propón un trazado alternativo para o AVE Vigo-Ourense, cun aforro de 800 millóns

Tren de Alta Velocidade © Ministerio de Fomento

A sección de transportes de UGT vén de presentar unha emenda ao trazado proposto polo Ministerio de Fomento para o tren de alta velocidade entre Vigo e Ourense. Hai uns anos unha proposta do sindicato levou ao deseño hoxe en vigor, que enlaza as dúas cidades a través de Cerdedo, sen ter que pasar por Compostela e acurtando notablemente a viaxe.

Nesta ocasión, a proposta afina o trazado, recurtando o tempo de viaxe entre Vigo a Ourense dos 36 aos 31 minutos, incluíndo única parada de dous minutos en Pontevedra, fronte aos 83 minutos que levaría o paso por Santiago. O tempo total da viaxe entre Vigo e Madrid sería de dúas horas e media. 

O trazado proposto por UGT requiriría un investimento de entre 1.491 e 1.622 millóns, cun aforro que podería chegar aos 750 millóns de euros

A emenda, defende o sindicato, incorpora sobre todo un gran recorte do custe total da obra, fixado na actualidade nos 2.230 millóns de euros. O trazado proposto por UGT requiriría un investimento de entre 1.491 e 1.622 millóns, cun aforro que podería chegar aos 750 millóns de euros. Un dos grandes cambios ten que ver cunha das infraestruturas máis caras contempladas nesta actuación: un longo túnel na zona central do percorrido, á altura de Cerdedo. No plan elaborado polo Ministerio de Fomento, este túnel tería unha lonxitude de 18 quilómetros, mentres que na proposta do sindicato, este quedaría reducido aos 11,9 quilómetros. Na proposta do sindicato, parte do túnel elevaríase por riba da superficie, grazas a unha variación na súa altitude, mellorando deste xeito tamén a súa seguridade.

UGT defende que o seu trazado, de ser aceptado, levaría a un AVE "real e sobre todo viable" e acusa o Ministerio de Fomento de realizar uns cálculos económicos inflados

O deseño promovido por UGT aproveita así mesmo 20 quilómetros do actual eixo Santiago-Ourense e outros 27 do Santiago-Vigo e permitirá que os trens acaden velocidades punta de até 350 quilómetros por hora, en troques de ter que acelerar e desacelerar á altura de Cerdedo. Ademais, aseguran que o aforro económico, de lonxitude e de tempos de viaxe podería ser aproveitado para un recurte, igualmente, do prezo dos billetes.

UGT defende que o seu trazado, de ser aceptado, levaría a un AVE "real e sobre todo viable" e acusa o Ministerio de Fomento de realizar uns cálculos económicos inflados e un trazado innecesariamente complexo para preparar a opinión pública para desbotar o proxecto polo seu excesivo custe.

Tren de Alta Velocidade © Ministerio de Fomento
Os principais cambios afectan á zona de Cerdedo © UGT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.