Un Día da Clase Obreira Galega con máis motivos ca nunca

Manifestación do persoal do naval ferrolán CC-BY-NC-SA Susete

Hai hoxe 42 anos, a policía franquista asasinou dous responsables do comité ferrolán de Comisións Obreiras. Amador Rey e Daniel Niebla faleceron e medio cento de manifestantes máis foran feridos nunha protesta sindical nos estaleiros de Bazán en Ferrol. Desde aquel día, Galicia conmemora cada 10 de marzo o Día da Clase Obreira Galega, data que as organizacións sindicais aproveitan para homenaxear os traballadores mortos daquela e para seguir reclamando emprego digno e dereitos laborais no país. E hoxe en día máis ca nunca.

Ferrol e a súa comarca acollen a reivindicación da Día da Clase Obreira Galega sumidas na peor crise da súa historia

A manifestación de hai máis de 40 anos era unha protesta sindical e unha loita social polo emprego no naval de Ferrol. Xa en democracia, e máis de catro décadas despois, a cidade e a comarca esmorecen. Na urbe departamental, e segundo datos da EPA, tan só teñen traballo tres de cada dez persoas e a súa taxa de desemprego é das máis altas de Europa e, por suposto, a máis elevada do país, co máis do 30%. A taxa de ocupación está quince puntos por debaixo da de Vigo, con apenas o 30% tamén, e a comarca perde uns 8.000 empregos nos últimos tres anos. En Galicia, no último exercicio perdéronse máis de 38.000 empregos e case 230.000 desde que comezou a crise. A emigración continúa e a taxa de paro supera con amplitude o 20%.

Aquel marzo de 1972, o estaleiro público negociaba o seu convenio colectivo e, logo de que militantes comunistas e de CCOO infiltrados no Sindicato Vertical ocupasen os potos do xurado de empresa, exixen pactar as súas propias condicións laborais. A dirección accede pero logo rectifica e os traballadores concéntranse na factoría e saen en manifestación. A empresa opta polo peche patronal e os obreiros responden ao día seguinte con novas manifestacións. Ao pouco chegan os grises. E pasa o que pasa.

Aquel marzo de 1972 o naval defendía os seus convenios; hoxe segue na rúa e os sindicatos chaman a "defender a negociación colectiva"

Hoxe, afortunadamente, a represión non é tal, pero a loita do naval segue tan vixente coma sempre. Día si e día tamén, os operarios de Navantia volven saír á rúa para reclamar a carga de traballo e que se cumpran as eternas promesas das administración, como o dique flotante ou o flotel de Pemex. A falta de pedidos nos estaleiros na ría de Ferrol fixo desaparecer varias empresas importantes metalúrxicas, a maioría do sector auxiliar atópase con expedientes de regulación de emprego e máis de 3.000 obreiros foron expulsados ao paro nos últimos meses. A cidade perdeu 20.000 habitantes nos últimos trinta anos e a crise actual non fai máis que agudizar as consecuencias da última reconversión naval. A comarca é o paradigma das consecuencias da crise e de políticas económicas erradas.

E hoxe, Ferrol será a protagonista das principais manifestacións polo Día da Clase Obreira Galega. Na cidade en peor situación e coa peor crise da súa historia. CCOO, UGT e USTG conmemorarán de forma conxunta este 10 de marzo baixo o lema "contra a exclusión e a pobreza, só unha solución: crecemento e emprego". CIG manifestarase en solitario en varias cidades (Ferrol, Compostela e Vigo) reclamando "emprego na Galiza" e reivindicando o "sindicalismo nacionalista e de clase máis necesario que nunca". Antes, pola mañá, todos eles levaron a cabo as súas ofrendas florais a Amador e Daniel, nas que houbo críticas ao alcalde e ao PP pola situación laboral da comarca. Os asubíos impediron o discurso insititucional.

CCOO, UGT e USTG maniféstanse xuntos en Ferrol; a CIG faino en solitario en Ferrol, Compostela e Vigo

CCOO e UGT céntranse na protesta contra o "ataque sen precedentes" que supón a reforma laboral e os efectos que ten sobre a reforma colectiva. "O control sectorial sobre a negociación colectiva aseguraba unha certa paz social. Porén, está a ser substituído por unha flexibilidade aberta que favorece só á empresa e xera, en consecuencia, maior conflito", asegura Comisións ante unha marcha que pide "salvar a negociación colectiva e os dereitos laborais".

A CIG ten claro tamén que a mobilización da clase obreira galega é máis necesaria ca nunca. "En 1972 Ferrol e Vigo vivían a  loita máis dura da nosa clase contra a ditadura franquista, en defensa dos nosos convenios, dos dereitos no traballo e do emprego, neste 2014 vivimos outra ditadura: a dun réxime ateigado de corrupción que goberna a favor dos máis ricos, dos bancos e das grandes empresas", explica a central nacionalista.

Ás 19.30, desde a Praza de Armas de Ferrol sairá a manifestación de CCOO, UGT e USTG, mentres que media hora máis tarde, desde a súa propia sede da central sindical, sairá a da CIG. O sindicato nacionalista tamén convoca manifestacións en Vigo (19.30 horas desde a Vía Norte) e Compostela (ás 20 horas desde a Praza Roxa).

Manifestación do naval en Ferrol CC-BY-NC-ND Xoán Porto
Manifestación obreira o 10 de marzo de 1972, minutos antes dos asasinatos de Amador e Daniel © Fundación 10 de marzo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.